A Xunta ofertará 23 prazas fixas por concurso de méritos para os centros de saúde da área sanitaria de Vigo

“Galicia é a única comunidade autónoma na que un médico pode rematar o MIR e obter praza fixa no sistema no mesmo ano”, -remarca o conselleiro de Sanidade-

Comesaña visita o centro de saúde de Arbo, que verá cuberta de forma estable unha das súas prazas médicas grazas á Lei de medidas extraordinarias para provisión de prazas de difícil cobertura, impulsada pola Xunta en 2022

Arbo (Pontevedra), 28 de febreiro 2023

A Xunta ofertará 23 prazas fixas por concurso de méritos para os centros de saúde da área sanitaria de Vigo, entre medicina de familia e pediatría. Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ao centro de saúde de Arbo, na que estivo acompañado polo alcalde, Horacio Gil, e polo xerente da área sanitaria, Javier Puente.

“Unha das prazas de médico será no centro de saúde de Arbo e outra de médico e dúas de pediatría serán no centro de saúde de Ponteareas”. O resto das prazas, o Sergas as detallará ao longo desta semana e, -tal e como dixo o conselleiro-, “haberá prazas en todas as comarcas que están dentro da área, a de Vigo, a do Morrazo, O Condado, A Paradanta e o Baixo Miño”.

Deste xeito, “estamos a blindar a estabilidade da asistencia médica dos centros de saúde desta área nos vindeiros dous anos. Neles, teremos ese núcleo do cadro de persoal fixo que non se moverá nin nas ofertas públicas de emprego nin nos concursos de traslados”.

O conselleiro sinalou que toda España está a vivir agora un problema importante de escaseza de especialistas en medicina de familia, “pero en Galicia estamos a tomar medidas e decidimos que as prazas de difícil cobertura se convocarían sen oposición, mediante un concurso de méritos, para que calquera médico sen praza fixa teña o camiño máis sinxelo para obtela”.

Incluimos, ademais, -proseguiu o conselleiro-, aos médicos de familia recén titulados. Así, os MIR desta especialidade que rematen en maio poderán inscribirse con carácter previo e acreditar despois o título. En consecuencia, “Galicia é agora mesmo a única comunidade de España onde un médico pode rematar a súa residencia e obter unha praza fixa no sistema público de saúde no mesmo ano”.

Medidas da Xunta e reclamación ao Goberno do Estado

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que, en setembro do ano pasado, a Xunta levou ao Parlamento unha Lei de medidas extraordinarias para provisión de prazas de difícil cobertura, que foi respaldada pola maioría da cámara, e co voto en contra dos partidos da oposición. Agora o Executivo galego dá cumprimento a esa Lei e vén de anunciar unha convocatoria de máis de 400 prazas.

Para rematar a súa intervención, Comesaña dixo que “a Xunta seguirá a avanzar nas medidas autonómicas e reclamando ao Goberno de España que cumpra as reformas que ten pendentes para abordar o problema nacional de déficit de médicos”.

A Xunta fixo a súa parte este ano, -incidiu o conselleiro-, “coa súa maior convocatoria de prazas formativas para médicos de familia, 207 prazas, o 100 % das acreditadas en Galicia e 65 máis que na anterior convocatoria”. De feito, “máis da metade das 120 novas prazas formativas de medicina de familia creadas no conxunto de España proceden de Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023