Rueda avanza co Consello de Administración de Abanca iniciativas para facilitar a financiación das empresas galegas e os servizos bancarios á cidadanía

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2023 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, avanzou hoxe co Consello de Administración de Abanca iniciativas encamiñadas a facilitar a financiación das empresas galegas e os servizos bancarios á cidadanía. O titular do Goberno galego mantivo cos representantes deste órgano un encontro no que tamén estivo presente o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

Na reunión analizáronse as vías de financiación para que, ben sexa a través das liñas de apoio abertas polo Goberno galego como a través da financiación directa ás empresas, o tecido produtivo conte con facilidades para a posta en marcha de proxectos que hoxe en día son estratéxicos para o futuro da economía galega.

Por outra banda, a Xunta interesouse polos servizos que a entidade financeira ofrece á cidadanía para que a sociedade galega dispoña dunha atención de calidade, áxil e personalizada, con especial fincapé no que ten que ver coas persoas de idade máis avanzada ou con menos recursos dixitais e coas que residen no rural, para que as súas circunstancias persoais ou o lugar no que residen non lles impida o acceso ás prestacións bancarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2023