Os chefs lucenses Álex Méndez e Pablo Vila volven á Escola de Sanxillao para impartir unha masterclass

O delegado territorial, Javier Arias, destacou o apoio formativo que supón esta iniciativa coa que tamén se visibilizan os ciclos de hostalaría, turismo e industrias alimentarias e os novos de panadaría e guía turístico, postos en marcha pola Xunta de Galicia

Lugo, 27 de febreiro de 2023 O IES Sanxillao de Lugo acolleu esta mañá unha masterclass impartida polos chefs lucenses Álex Méndez e Pablo Vila, na que foi a primeira xornada da denominada Volta a casa, unha iniciativa coa que este centro invita a ex alumnos de recoñecida proxección profesional a volver a súa escola para impartir unha masterclass aos alumnos do centro.

Nesta primeira demostración tomaron parte uns 50 alumnos dos ciclos medio e superior de Dirección de Cociña; do ciclo medio de Cociña e Gastronomía e tamén do primeiro de Panadaría, Repostaría e Confeitaría, posto en marcha neste curso. Precisamente, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, chamou a atención sobre esta iniciativa, que “máis aló da súa faceta formativa é importante porque dá visibilidade aos ciclos de hostalaría, turismo e industrias alimentarias, así como á nova especialidade de panadaría. É unha forma de dar a coñecer as posibilidades da FP, e en especial da FP dual, que desde hai anos está a impulsar a Xunta de Galicia, e que está acadando tan bos resultados”.

Pola súa banda, os profesores de Cociña e Pastelería, Celia García e Diego López, destacaban que “esta é a primeira xornada do programa Volta a casa, aínda que agardamos que teña continuidade, porque en Lugo temos cociñeiros excelentes, e moitos deles, foron alumnos do Sanxillao”. Ademais, explicaron que “ter a chefs que estudaron neste centro e que agora son un referente no panorama gastronómico é un aliciente para os nosos alumnos”.

Javier Arias fixo fincapé en que “O Sanxillao é un claro exemplo de implicación e de compromiso coa formación dos seus alumnos”. De feito lembrou que o centro celebrou recentemente os 30 anos de actividade e docencia e chamou a atención sobre “o incremento do alumnado nos últimos anos, que fixo necesaria a súa ampliación, con novos espazos e nova oferta educativa, e cunha reforma do instituto, na que o Goberno galego investiu máis de 1,8 millóns de euros”.

Precisamente, a masterclass de hoxe tivo lugar nos novos espazos do edificio que se construíu na ampliación, coas explicacións e a teoría de arroces e outra clase sobre aperitivos nos que aplicaron novas técnicas de cociña de vangarda. Unha vez elaborados os pratos, alumnos, ex alumnos e profesores puideron desfrutar da comida servida no novo restaurante do centro polos alumnos do ciclo medio de Servizos de Restauración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2023