A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe en Ribeira a unidade móbil desta iniciativa acompañada do alcalde do concello, Manuel Ruiz

O programa de Coidados Porta a Porta da Xunta atendeu a 35.000 maiores en toda Galicia durante o último ano

Fabiola García destacou o fortalecemento dos servizos sociais na comarca do Barbanza, a través do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), as aulas do maior ou a creación e mellora de equipamentos como a nova residencia pública de Ribeira e a reforma do centro de maiores da Pobra do Caramiñal

Ribeira (A Coruña), 27 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia levou atención sociosanitaria gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a máis de 35.000 persoas maiores de toda Galicia durante o último ano a través do programa de Coidados porta a porta. Así o indicou a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, que esta mañá visitou a unidade móbil desta iniciativa, que desde o pasado xoves e ata mañá martes atende aos veciños deste municipio coruñés.

Esta é a segunda parada en Ribeira do Coidados porta a porta, despois que na primeira atendera a 50 maiores. A conselleira, que estivo acompañada do alcalde, Manuel Ruiz, adiantou que este servizo regresará o vindeiro mes de setembro a esta localidade para seguir atendendo aos veciños que o necesiten. O horario de atención deste servizo é de nove da mañá a oito da tarde e as persoas usuarias soamente teñen que pedir cita previa nalgún dos teléfonos habilitados —622 748 283 ou 623 546 922—, ou ben no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xuntal.gal.

Fabiola García destacou o fortalecemento dos servizos sociais en toda a Comunidade e tamén no Barbanza. Neste sentido, apuntou que se reforzou en todos os concellos o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), co que 27.000 galegos reciben coidados nos seus fogares. Ademais, referiuse ao fomento das aulas do maior, como a que a Xunta impulsou en Ribeira, así como á construción e renovación de infraestruturas, como é o caso da futura residencia pública do Barbanza —que se emprazará en Ribeira e estará adaptada ao novo modelo de coidados— ou a reforma completa da residencia da Xunta na Pobra do Caramiñal.

Apoio ás familias

Así mesmo. sinalou a mellora dos servizos de atención á infancia e de apoio ás familias. Ao respecto, referiuse á creación do Punto de Encontro Familiar (PEF) no Barbanza, así como á implantación da gratuidade en todas as escolas infantís para o 100 % do alumnado, cun investimento de 55 millóns de euros de fondos propios da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2023