A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou na entrega de recoñecementos aos participantes da 27ª edición do certame de Tarxetas de Nadal

A Xunta agradece a Special Olympics por traballar todos os días do ano na inclusión das persoas con discapacidade

Neste ano, participaron máis de 960 persoas vencelladas a 33 entidades sociais de Galicia

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou esta mañá na entrega de recoñecementos aos participantes da 27ª edición do certame de Tarxetas de Nadal organizada por Special Olympics. Durante a súa intervención agradeceu a esta entidade por traballar todos os días do ano na inclusión das persoas con discapacidade.

A conselleira sinalou que, mediante este certame, Special Olympics consegue, unha vez máis, reivindicar máis dereitos e facilidades para as persoas con discapacidade, así como dar visibilidade ao seu talento. Fabiola García destacou que o Goberno galego está a carón de todas as entidades sociais do sector e das propias persoas con discapacidade durante todas as súas etapas vitais, ofrecendo os servizos que necesitan en cada momento: desde o berce, ata a vellez.

Neste sentido, apuntou que a Xunta segue a ampliar a rede de atención temperá para ofrecer asesoramento e atención ás familias con nenos de 0 a 6 anos; ofrece un dos sistemas educativos máis inclusivos de toda España; impulsa a súa inserción laboral mediante centros especiais de emprego ou prazas reservadas de emprego público; e axuda na erradicación de barreiras e na posta a disposición de atención e coidados.

Máis de 960 participantes

Nesta 27ª edición do certame Tarxetas de Nadal de Special Olympics participaron 965 persoas vencelladas a 33 entidades sociais de Galicia. A entrega de recoñecementos foi celebrada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Fabiola García afirmou que, mediante estas iniciativas, o tecido social ofrécelle unha oportunidade á sociedade para reflexionar sobre a necesidade de garantir un mundo xusto, inclusivo e solidario coas persoas con discapacidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2023