A Xunta convoca a través da Agasp 28 cursos básicos e de formación continua para persoal das agrupacións de voluntarios de Protección Civil

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as convocatorias das accións formativas que se desenvolverán de xeito descentralizado en distintos concellos de Galicia

Arrinca así o plan formativo da Academia Galega de Seguridade Pública para 2023, que inclúe máis de medio cento de cursos con máis de 14.000 prazas para membros das forzas e corpos de seguridade e para persoal dos servizos de emerxencia

A Estrada (Pontevedra), 27 de febreiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas convocatorias da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de 28 actividades formativas dirixidas ao persoal das agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil (AVPC). Arrinca así o plan formativo en emerxencias deste ano, que inclúe máis de medio cento de cursos con máis de 14.000 prazas para membros dos corpos e forzas de seguridade, así como dos servizos de emerxencias.

Concretamente a través da publicación de hoxe convócanse 10 edicións do curso básico de Protección Civil na súa modalidade presencial, que suman 250 prazas. O contido abrangue a protección civil, os riscos, accidentes e autoprotección, a loita contra os incendios, as comunicacións, actuacións básicas ante emerxencias médicas e igualdade de oportunidades.

Trátase de formación preceptiva para o exercicio das funcións de voluntario das AVPC e que se realizarán de xeito descentralizado para facilitarlles o acceso ás persoas interesadas. Así, acollerán edicións do curso os concellos da Coruña, Muxía, Santiago de Compostela, Maside, O Pereiro de Aguiar, Lugo, Monforte de Lemos, Taboada, Marín e Mos.

Por outra banda convócanse 18 edicións de actividades enmarcadas no plan de formación continua, centradas na busca de persoas desaparecidas no medio rural con equipos caninos e outros medios, nas comunicacións en emerxencias, nos rescates en lugares de difícil acceso, nas colaboracións en dispositivos ante grandes concentracións humanas ou na actuación inicial coas vítimas de violencia de xénero, entre outros contidos. A meirande parte destas accións formativas son de carácter presencial na academia, agás tres modalidades en liña.
 
En ambas as convocatorias os cursos comezan en marzo e desenvolveranse ata xuño. O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase dez días naturais. Deberá facerse a través do formulario habilitado na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).

Preto de 300 cursos para persoal de emerxencias

Segundo o plan de formación previsto para 2023, o persoal dos servizos de emerxencias dispón de case 8.300 prazas para realizar máis de 12.000 horas lectivas nas 280 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para fomentar a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.

Nesta liña, o voluntariado de Protección Civil contará con máis de 3.500 prazas para 143 cursos nos que se inclúe formación básica obrigatoria, actividades de loxística, manexo de equipos e apoio en intervencións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2023