A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, xunto ao delegado territorial da Xunta na Coruña, visitou o centro europeo de Peregrinación Juan Pablo II

A Xunta resolverá nas vindeiras semanas máis de dous millóns de euros en axudas a concellos e a refuxiados ucraínos

A orde para subvencionar os gastos realizados polos concellos para a atención de refuxiados conta cun orzamento de 780.000 euros, mentres que a destinada á inclusión dos refuxiados ascende a 1,3 millóns de euros

O Goberno galego coordinou desde o primeiro momento a atención as persoas refuxiadas ofrecéndolle acceso a servizos sanitarios, educativos e de atención social
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023

A Xunta resolverá nas vindeiras semanas as axudas dirixidas a concellos e a refuxiados ucraínos, que ascenden a un orzamento total de 2 millóns de euros. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe ás persoas acollidas no centro europeo de Peregrinación Juan Pablo II, de Cáritas Diocesana de Santiago, cando se cumpre un ano desde o inicio na guerra neste país.  

A orde de axudas dirixidas a concellos ascende a 780.000 euros e permitirá subvencionar aqueles gastos realizados entre o 24 de febreiro e o 31 de decembro de 2022 para a cobertura de necesidades básicas, aluguer de inmobles ou custos de persoas contratadas, entre outras cuestións. Pola súa parte, a orde de axudas para persoas refuxiadas conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros e procura garantir a súa inclusión social.  

Así, estas axudas poderán ascender ata os 400 euros ao mes por persoa e poderá incrementarse en 100 euros por menor a cargo. A axuda concederáselle a aqueles que estean en posesión do estatuto de protección temporal, figuren empadroados nalgún concello de Galicia e acrediten a súa situación de vulnerabilidade.  

2.300 ucraínos con tarxeta sanitaria

A conselleira sinalou que o Goberno galego puxo a disposición das persoas refuxiadas todos os servizos e a protección á súa disposición. Neste sentido, destacou que tramitou toda a documentación necesaria para o seu acceso á sanidade pública galega e nestes momentos máis de 2.300 ucraínos contan con tarxeta sanitaria. Así mesmo, tamén se procurou unha escolarización áxil de todos os nenos que chegaron á nosa Comunidade.  

Fabiola García lembrou que, desde o ámbito social, a Xunta puxo en funcionamento unha furgoneta itinerante que percorreu toda Galicia ofrecendo asesoramento e acompañamento integral para a inserción social e laboral das persoas refuxiadas. Así mesmo, agradeceu a labor de entidades como Cáritas Diocesana de Santiago para atender ás necesidades de todas estas persoas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2023