A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá as obras realizadas no centro

A Xunta inviste máis de 50.000 euros en obras de mellora na escola infantil pública autonómica de Vite

Reformouse o patio exterior e pintouse a primeira planta e a aula musical

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá as obras realizadas na escola infantil pública autonómica situada no barrio de Vite. O Executivo autonómico investiu máis de 50.000 euros en diversas actuacións que consistiron na reforma do patio exterior e no pintado da primeira planta e da aula de música. 

A finalidade destes traballos foi a mellora dos espazos desta escola infantil, que é unha das de máis longa traxectoria das que pertencen á rede da Xunta de Galicia. O centro dispón de 84 prazas autorizadas de 0 a 3 anos que se distribúen en seis unidades.  

Este curso, por primeira vez, a atención educativa en todas as escolas infantís de Galicia —as da Xunta, as que dependen dos Concellos, as de iniciativa social e as privadas— é gratuíta para o 100% do alumnado. Esta medida beneficia a máis de 31.000 familias, que aforran ata 2000 euros por fillo. 

A Xunta considera as escolas infantís un servizo fundamental para a atención á infancia e para facilitar a conciliación das familias. Neste sentido, ademais da gratuidade, outras medidas que están en marcha neste ámbito son: a creación das casas niño no rural, con preto dun centenar en funcionamento e nas que se prestan unha atención personalizada sen custe algún para os pais; o reforzo do Bono coidado, axuda directa de entre 200 e 500 euros para a contratación dun servizo de conciliación e que na súa última convocatoria recibiron preto de 5000 fogares; ou a Tarxeta benvida, axuda de entre 1200 e 3000 euros ao ano para contribuír aos custes que ten o nacemento dun bebé e que xa recibiron 92.500 familias desde que se implantou no ano 2016.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2023