A Xunta activa unha liña de préstamos directos por 18 M€ para impulsar o investimento empresarial

A convocatoria busca cubrir as necesidades financeiras do tecido produtivo, prestando especial atención á operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións

Os préstamos destínanse tamén a actuacións levadas a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, de I+D ou de servizos de interese para as empresas galegas, e operacións da industria auxiliar naval

A liña para investimentos estratéxicos, para determinadas modalidades, conta cun tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado, tendo unha duración de ata 12 anos

No caso dos préstamos para atender á operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións, as contías oscilan entre os 300.000 euros e un millón, contando tamén con bonificación nos tipos de xuro
 

Santiago de Compostela 25 de febreiro de 2023.-

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), vén de activar unha nova convocatoria da liña de préstamos directos, que suma 18 millóns de euros na procura de facilitar o financiamento e promover a competitividade de pemes e autónomos galegos. A liña, que se enmarca na Axenda Financeira 2023, céntrase no financiamento de investimentos estratéxicos, prestando tamén especial atención á operativa das empresas no contexto actual de incremento xeneralizado do custo das materias primas e da enerxía, ademais de atender a actuacións levadas a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, de I+D ou de servizos de interese para o tecido empresarial galego, e operacións da industria auxiliar naval.

 

Entre as liñas publicadas contémplanse préstamos para investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes, ou no incremento de capacidade produtiva. Cun tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado para determinadas modalidades de investimento, estes préstamos teñen unha duración de ata 12 anos coa posibilidade de incluír un de carencia.

 

Así mesmo, habilítanse préstamos para financiar aquelas industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións, escalada iniciada como consecuencia da invasión de Ucraína. Neste caso, as contías oscilan entre os 300.000 euros e un millón, contando tamén con bonificación nos tipos de xuro.  

 

Ademais, estes préstamos directos comprenden outras dúas liñas para impulsar actuacións levadas a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, de I+D ou de servizos de interese para o tecido empresarial galego, e operacións da industria auxiliar naval.

 

No caso destes últimos, o obxectivo é apoiar financeiramente empresas que desenvolven actividades na industria auxiliar da construción naval, facilitándolles o financiamento a longo prazo. O importe mínimo do préstamo será de 50.000 euros e o máximo dun millón de euros, resultando o prazo de devolución de ata 8 anos, incluíndo 2 de carencia, cun tipo de xuro bonificado.

 

E no que respecta aos préstamos para impulsar actuacións levadas a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, de I+D ou de servizos de interese para o tecido empresarial galego, o importe mínimo será de 75.000 euros e o máximo de 1,5M€, sen superar en ningún caso o 75 % do custo financiable. A duración máxima alcanzará os 12 anos, coa posibilidade de incluír un de carencia, e un tipo de xuro bonificado en ata 1,5 puntos porcentuais.

 

Estas liñas de préstamos directos son parte da aposta polo financiamento empresarial que vén desenvolvendo a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape na procura de garantir e mellorar a competitividade do tecido empresarial galego. Neste sentido, durante o último lustro, facilitáronse préstamos deste tipo por máis de 38M€, ademais de concederse préstamos IFI Innova para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras por 5 millóns, ou impulsarse unha liña específica de préstamos IFI Covid que sumou máis de 8M€.

 

Actuacións que se verán reforzadas este ano no marco da Axenda Financeira 2023, que disporá dun total de 140 millóns de euros para mobilizar máis de 400M€ en préstamos e reavais para reforzar a solvencia e dar acceso ao crédito a pequenas e medianas empresas e autónomos, e en apoios específicos para investimentos en innovación para pemes e microempresas galegas.

Data de actualización: 25/02/2023