A Xunta inicia a exposición pública do parcelario do proxecto básico de seis polígonos agroforestais nas provincias de Pontevedra e Ourense

Trátase dos de Barzamedelle (Leiro), Pousada (Riós), Solbeira (Paderne de Allariz), Vences (Monterrei), Mandelos (Crecente) e Vilalén-Tomonde (Cerdedo-Cotobade)

Desta forma, o plano parcelario de cada un dos polígonos está colgado na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e no taboleiro de anuncios dos respectivos concellos, para que os veciños poidan presentar as observacións pertinentes
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023

A Xunta vén de iniciar a exposición pública do parcelario do proxecto básico de seis polígonos agroforestais nas provincias de Pontevedra e Ourense. En concreto, dos de Barzamedelle (Leiro), Pousada (Riós), Solbeira (Paderne de Allariz), Vences (Monterrei), Mandelos (Crecente) e Vilalén-Tomonde (Cerdedo-Cotobade). 

Deste xeito, o plano parcelario de cada un dos polígonos pode consultarse na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, e no taboleiro de anuncios dos respectivos concellos para presentar as observacións pertinentes.  

Así, o proxecto básico é un documento técnico que elabora dita Axencia despois de producirse a declaración de utilidade pública dun polígono agroforestal. Neste sentido, a revisión do parcelario é a primeira das actuacións do proxecto básico e consiste na comprobación sobre o terreo da precisión do parcelario existente. 

Cómpre lembrar que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou en maio de 2022 os dous acordos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que iniciaron os trámites de aprobación para o desenvolvemento destes 6 polígonos agroforestais de iniciativa pública e en setembro dese mesmo ano os decretos polos que estes polígonos foron declarados de utilidade pública e interese social. O obxectivo prioritario destes polígonos é a posta en produción de terreos agroforestais con boa capacidade produtiva que alcanzaron no tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando así unha adecuada actividade de explotación agrícola ou forestal. 

Nese senso, o polígono agroforestal de Barzamedelle, en Leiro, consta de 146 hectáreas e 183 parcelas de 113 propietarios para cultivos leñosos, sistema agroforestal e ciclo curto. Pola súa banda, o de Pousada, en Riós, conta con 94 hectáreas e 663 parcelas en propiedade de 966 propietarios e destinarase ao cultivo do castiñeiro, mentres que o de Solbeira, en Paderne de Allariz, ten 43 hectáreas e 317 parcelas propiedade de 208 propietarios que se destinarán á gandería. 

Finalmente, o de Vilalén-Tomonde, en Cerdedo-Cotobade -de 68 hectáreas e 1.534 parcelas de 278 propietarios- destinarase a cultivos leñosos e de sistema agroforestal. Isto tamén o fará o polígono agroforestal de Mandelos, en Crecente, composto de 45 hectáreas, repartidas en 391 parcelas pertencentes a 183 propietarios no que, ademais, se levarán a cabo cultivos de horta. Pola súa parte, o polígono de Vences, en Monterrei, con 22,44 hectáreas repartidas en 535 parcelas de 599 propietarios, será empregado para cultivos leñosos.

 

Data de actualización: 25/02/2023