A Xunta tece redes de cooperación co Goberno e a industria forestal vasca

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, mantivo esta semana diversas reunións de traballo con distintos departamentos do Goberno vasco e visitou as instalacións das industrias Egoin, Ebaki e Torresar

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2023 O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, estivo esta semana en Euskadi onde mantivo reunións de traballo con distintos departamentos do Goberno vasco e visitou as instalacións das industrias Egoin, Ebaki e Torresar, co fin de tecer redes de cooperación coa industria forestal desa comunidade. Así mesmo, agradeceu a colaboración da organización Baskegur, unha entidade que representa a todas as asociacións da cadea monte industria en Euskadi.

 

Durante a súa visita, onde estivo acompañado polo subdirector xeral de Recursos Forestais, Xosé Alberte Piñeiro, e polo xefe do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte, Joaquín Martel, ambos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Jacobo Aboal compartiu experiencias e coñecementos cos distintos organismos, ao tempo que se valoraron diferentes vías de cooperación. Ademais, Jacobo Aboal explicoulles a política que está a levar a cabo a Xunta para potenciar a industria forestal galega e a bioeconomía circular, articulada a través da Axenda de impulso da industria forestal-madeira -que é unha folla de ruta contemplada no Plan Forestal 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”-.

 

Neste contexto, Jacobo Aboal puxo de relevo tamén as actuación que se están a desenvolver no ámbito do fomento do uso da madeira en construción, impulsando a obra pública e apoiando a promoción privada a través de axudas -como as convocadas o ano pasado por un importe de 2,6 millóns de euros para a utilización de madeira como elemento estrutural-.

 

Así mesmo, subliñou que, para obter produtos de alto valor engadido -como poden ser os destinados á construción-, é necesario apoiar a cadea monte-industria dende o coidado do recurso e durante todas as fases do seu aproveitamento e transformación.

 
Así, o director subliñou que dende o Goberno galego veñen de convocarse unhas axudas destinadas a investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, cuxa convocatoria segue aberta, que contan cun orzamento de 9 millóns de euros. Estas achegas contemplan investimentos vinculados á xestión forestal activa e silvicultura, o aproveitamento comercial de castaña, resina ou biomasa, a mellora tecnolóxica do aproveitamento da madeira e serrado ou a clasificación estrutural da madeira, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2023