A Xunta pon en marcha en Melide o Día da Xuventude para achegar ocio saudable á mocidade

Entre as actividades propostas hai xogos, actuacións musicais e obradoiros de empregabilidade, de igualdade de xénero, de sensibilización medioambiental, de gastronomía saudable e de lecer educativo, entre outros

Melide (A Coruña), 25 de febreiro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel,participou esta tarde nas actividades de ocio educativo con motivo do ‘Día da Xuventude’ en Melide, que se celebrou no mercado do gando do recinto feiral. Esta iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia, está a percorrer unha trintena de concellos galegos ata o vindeiro mes de abril.

A través deste programa, ofrécese ás mozas e mozos un amplo abano de actividades gratuítas, como obradoiros dinámicos de cociña saudable, de graffiti ou sobre igualdade de xénero, ademais de actividades relacionadas coa protección do medio ambiente e a empregabilidade. As diferentes propostas lúdicas e formativas comezan ás 16.00 horas e prolónganse ata as 21.00 horas, e inclúen unha actuación musical a cargo de artistas ou grupos locais.

Toda esta programación non só achegará o ocio e a formación á xuventude galega, senón tamén favorece á conciliación da vida familiar e laboral. Cómpre recordar que o Día da Xuventude ponse en marcha ao abeiro do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.

Mañá en Ribeira

O Día da Xuventude continuará mañá na localidade de Ribeira cunha nova xornada de actividades. Xa de cara o venres seguinte, o día 3 de marzo, recalará en Ordes; o sábado 4 en Vilagarcía de Arousa; e o domingo 5 en Ponteareas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2023