Diego Calvo pon en valor a colaboración do corpo consular coa Xunta para potenciar as relacións internacionais de Galicia no mundo

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes mantivo hoxe unha xuntanza con cónsules acreditados en Vigo para coñecer as súas demandas e trasladarlles as prioridades do Goberno galego en materia de acción exterior

Vigo, 24 de outubro de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, nun encontro cunha representación do corpo consular de Galicia en Vigo encabezada polo seu presidente, Juan Vieites, para coñecer as súas demandas e trasladarlles as prioridades da acción exterior do Goberno galego nos próximos anos.

No encontro puxo en valor a colaboración entre a Xunta e o corpo consular acreditado en Galicia para potenciar as relacións internacionais de Galicia e a imaxe da comunidade no mundo. Destacou ademais o importante papel deste colectivo para contribuír a unha maior presenza das empresas galegas nos mercados internacionais.

Diego Calvo avogou por continuar na senda dunha acción exterior útil a través de instrumentos como a Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia aprobada o ano pasado ou a nova Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) que está a ultimar a Administración autonómica.

Outro dos obxectivos ten que ver co reforzo da cooperación transfronteiriza, en especial con Portugal no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que aspira a manter a súa posición de liderado na captación de fondos europeos da nova convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, do que xa se están a xestionar as primeiras convocatorias que se prevén poñer en marcha este ano.

Nesta liña, lembrou que precisamente este ano a Medalla do Parlamento de Galicia recoñecerá á cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal, focalizando este recoñecemento na Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, como entidade pioneira que, desde hai tres décadas abriu camiños neste ámbito no conxunto da Unión Europea. 

En materia de cooperación ao desenvolvemento, Diego Calvo detallou que o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode) informou favorablemente o pasado 14 de febreiro do V Plan director da cooperación galega 2023-2026. Nese plan teranse en conta o avance nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030.

O mesmo organismo deu o visto bo ao Plan anual 2023 da cooperación galega, que parte dun orzamento inicial de 8,9 M€, o que supón un incremento de case un 14% respecto ao ano pasado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023