O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia ofrece un milleiro de prazas de formación certificada e especializada a través de 47 cursos

O CNTG, que depende da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, organizará tamén nos seis primeiros meses deste ano 39 xornadas técnicas que se desenvolverán de xeito presencial centradas no sector tecnolóxico

A formación que se imparte vai en liña coa aposta da Xunta de cualificar ás persoas demandantes de emprego e traballadoras nos sectores nos que existen a día de hoxe vacantes laborais

O CNTG está a traballar no deseño dunha programación para o período 2023/2024 que atenda as demandas formativas do ecosistema empresarial TIC de Galicia

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2023 O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) iniciou xa a programación formativa deseñada para o primeiro semestre deste ano coa que a Xunta de Galicia ofrece un total de 1.000 prazas de cualificación certificada e especializada a través de 47 cursos, así como a organización de 39 xornadas técnicas centradas na innovación e o sector tecnolóxico.

A formación que se imparte neste centro, que depende da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai en liña coa aposta que está a facer o Goberno galego para formar a persoas demandantes de emprego e traballadoras nos sectores nos que na actualidade existen vacantes laborais. 

Os 47 cursos están a impartirse nas modalidades presencial, virtual e de teleformación e, ao seu remate, as alumnas e alumnos teñen a opción de recibir unha certificación, tanto as persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como as persoas traballadoras nun centro emprazado en Galicia.

A través destas accións ofértanse  formacións que permiten a persoas desempregadas e ocupadas doutros sectores obter novas cualificacións para incorporarse ao mercado laboral no sector tecnolóxico, como é o caso dos cursos de Introdución a Java e de Introdución a bases de datos relacionais. Tamén impártense cursos especializados sobre xestión de solucións na nube; de xestión avanzada de redes; de administración de sistemas; de análise e ciencia da datos; de organización, metodoloxía e xestión áxil de proxectos; ou de programación en linguaxes innovadoras.

Con respecto ás xornadas, comezaron o pasado día 22 cunha sesión impartida polo experto en ciberseguridade de CISCO, profesor da Universidade da Coruña e coordinador do máster de Ciberseguridade, Francisco Javier Novoa, que versou sobre como deseñar un acceso a Internet tolerante a fallos nas redes corporativas das organizacións.

Esta primeira xornada terá continuidade na semana do 6 de marzo con 3 novas charlas, que versarán sobre o deseño escalable de redes; as novidades das linguaxes de programación máis usadas, Java; e as posibilidades das linguaxes de programación con máis potencial na análise de datos, Python.

As 39 xornadas que se desenvolverán ao longo deste primeiro semestre terán lugar de xeito presencial, en horario de tarde e achegarán dun xeito práctico temáticas tan innovadoras e tan de releve no mundo tecnolóxico como as solucións na nube, o deseño seguro de redes, a ciencia de datos, os sistemas de análise de datos e axuda a toma de decisións, a intelixencia artificial ou as novidades nas linguaxes de programación máis empregadas.

As xornadas son gratuítas para os asistentes, que reciben ao finalizar a sesión unha certificación de asistencia, coa duración e o contido da formación recibida.

A formación que se imparte no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia conta cun alto recoñecemento entre as empresas e os traballadores do sector tecnolóxico, e cunha alta demanda, que está a superar en cinco veces a oferta de prazas. Na liña de atender dita demanda, o CNTG está a traballar no deseño e programación dunha oferta para o período 2023/2024 que atenda de xeito satisfactorio as demandas formativas do ecosistema empresarial TIC galego.

A programación completa do centro pódese consultar na páxina web:  https://cntg.xunta.gal/web/cntg/programacion-activa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2023