A Xunta resolve o concurso de ideas para a construción do edificio da nova delegación territorial do Goberno galego en Ourense

O xurado considerou que a UTE Díaz y Díaz Arquitectos-Castroferro Arquitectos presentou a mellor proposta que servirá de base ao proxecto técnico, básico e de execución da obra

Anunciouno o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, tras o acto público de apertura de sobres dos premiados

O proceso levouse a cabo no marco dun convenio asinado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia coa finalidade de fomentar a participación do sector

O investimento previsto na obra acada os 24 M€ e albergará 10 departamentos autonómicos nun espazo para acoller case 900 empregados públicos

Ourense, 24 de febreiro de 2023 A Xunta vén de resolver o concurso de ideas para a construción do novo edificio da delegación territorial do Goberno galego en Ourense. Atendendo ao ditame do xurado que resolveu o concurso, acordouse que a mellor idea que servirá de base ao proxecto técnico, básico e de execución da obra foi a presentada pola UTE Díaz y Díaz Arquitectos-Castroferro Arquitectos, da que forman parte os arquitectos Lucas Díaz Sierra de Díaz y Díaz Arquitectos, da Coruña e Jordi Castro Andrade, de Castroferro Arquitectos, de Vigo.

Deste xeito, avanza o procedemento para definir a infraestrutura que, cun investimento de 24 M€, albergará 10 departamentos autonómicos e acollerá case 900 empregados públicos. Así o anunciou o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, tras a reunión do xurado presidido pola secretaria xeral técnica da Vicepresidencia segunda, Elena Muñoz. Na rolda de prensa tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

No concurso, detrás da proposta da UTE Díaz y Díaz Arquitectos-Castroferro Arquitectos, resultaron seleccionadas as ideas presentadas por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, de García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura, de Madrid e a de Arturo Menduiña, de Baile Menduiña, de Valladolid, en segundo e terceiro lugar respectivamente

Establecéronse, ademais, tres accésits que recaeron, por esta orde, en Alfonso Penela, de Vigo; Juan Bautista Pons e Lucas Gándara, tamén de Vigo; e Marcos Ayala de Arquitectos Ayala, de Madrid.

Repartiranse 265.000 euros en premios. A proposta vencedora recibirá 75.000 euros, mentres que os segundos e terceiros, así como os tres accésits, repartiranse os 190.000 euros restantes. En concreto, 60.000 euros para o segundo premio, 50.000 para o terceiro, 30.000 euros ao primeiro accésit e 25.000 euros tanto para o segundo como o terceiro accésit. Ademais do premio, o gañador encargarase de redactar o proxecto definitivo e a dirección de obra, cun investimento previsto de 1 M€ euros.

Debido á calidade destas propostas, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) comprometeuse a ceder as instalacións da súa sede en Ourense para acoller unha exposición cos proxectos premiados.

Aos candidatos pedíuselles que a proposta técnica incluíse unha memoria detallando aspectos relacionados co valor arquitectónico e o deseño; a viabilidade técnica e económica en base á calidade dos materiais ou os custos de mantemento; a aposta pola protección ambiental, o aforro enerxético e a innovación tecnolóxica e a inclusión de solucións que faciliten a conciliación laboral e persoal.

En canto ao programa de necesidades a desenvolver, os pregos do concurso recollían que no deseño debe dar prioridade á funcionalidade e accesibilidade das instalacións, o aproveitamento da iluminación natural con zonas diáfanas, a flexibilidade e versatilidade da idea para poder levar a cabo as modificacións futuras debido aos cambios organizativos que poidan xurdir, ademais dun sistema de arquivo eficiente.  

Diego Calvo explicou que a proposta gañadora cumpre con todos os requisitos, xa que se trata dunha idea “moi equilibrada, racional e coherente” en todos os aspectos. Así, destacou o protagonismo que se lle dá á contorna do edificio cunha gran porta na planta de acceso ou a boa separación entre os usos públicos e os espazos de traballo do inmoble.

Nun espazo de máis de 27.700 metros cadrados formúlase un edificio lonxitudinal que concentrará na fachada áreas máis abertas e na sur os despachos. Predominará o aproveitamento da luz natural e as oficinas protexeranse da entrada do sol no interior cunhas láminas verticais. O edificio conecta cunha praza e conta con outros servizos complementarios como un auditorio.

O proxecto vencedor tamén aposta -engadiu Diego Calvo- polas enerxías renovables con sistemas de captación xeotérmica, de renovación de aire con recuperación de calor e con instalación fotovoltaica. O aforro enerxético conseguirase ademais con luces LED, ascensores de baixo consumo con rexeneración de enerxía ou con instalacións sanitarias con sistemas de redución do consumo de auga potable e que permiten reutilizar a auga de pluviais.

Canto aos espazos para favorecer a conciliación, a proposta da UTE Díaz y Díaz Arquitectos-Castroferro Arquitectos inclúe zonas de lactancia e descanso das persoas usuarias, algunhas delas habilitadas como office, e prevese unha escola infantil dunhas 3 aulas cunha sala multiúsos.

O concurso de ideas para a construción da nova delegación territorial da Xunta en Ourense desenvolveuse no marco dun convenio asinado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia coa finalidade de obter un maior número de propostas para unha avaliación máis completa fomentando a participación do sector. De feito, presentáronse case medio cento de candidaturas.

Este proceso estableceuse con carácter previo á licitación da redacción do proxecto no que se baseará unha obra coa que a Xunta, tal e como asegurou o vicepresidente segundo,  contribuirá a mellorar a prestación dos servizos públicos á cidadanía ao mesmo tempo que se lles garanten óptimas condicións de traballo aos empregados públicos. Nesta liña, incidiu en que se están a apurar os prazos para cumprir co compromiso adquirido con este edificio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023