A Xunta destaca en Ferrol o impulso á creación de produtos e procesos innovadores que está a favorecer a xeración de empresas entre a mocidade galega

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na presentación da FIRST LEGO League, unha mostra de como se pode formar á mocidade en habilidades e competencias de emprendemento


Sinalou que a academia Emprende Makers da Xunta avoga pola innovación para reinventar a actividade empresarial usando tecnoloxías de fabricación dixital baixo a filosofía de faino ti mesmo


Puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que está a despregar a Administración autonómica por toda Galicia para apoiar o emprendemento en todas as súas fases
 

Ferrol, 24 de febreiro de 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe no acto de presentación da FIRST LEGO League en Ferrol, onde destacou a aposta da Xunta polo impulso e apoio á creación e desenvolvemento de produtos e procesos innovadores no marco do movemento de emprendemento makers de Galicia.

Ardao sinalou que a FIRST LEGO League Galicia é unha mostra de como se pode formar á mocidade, axudándoa a desenvolver habilidades e competencias de emprendemento no futuro e puxo como exemplo a academia Emprende Makers que a Xunta de Galicia impulsou o pasado ano para formar en competencias básicas do emprendemento maker. É unha aposta, segundo resaltou, pola transformación dixital, a formación e o intercambio de coñecementos para favorecer a creación de empresas innovadoras impulsadas pola mocidade.

A cultura maker constitúe, segundo remarcou Ardao, un activo crucial para a sociedade e para o seu tecido empresarial e industrial, ao aportar innovación e reinventar a actividade empresarial usando tecnoloxías de fabricación dixital baixo a filosofía do “faino ti mesmo”. Na academia Makers participaron o pasado ano preto dun cento de mozas e mozos.

A directora xeral, para rematar a súa intervención, puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta de Galicia está a despregar por toda a xeografía galega para apoiar os proxectos de empresa, en todas as súas etapas. Serán en total doce polos dos que cinco xa están operativos: os de Costa da Morte (en Coristanco), Rías Altas de Arco Ártabro (en Ferrol), Lugo Sur (en Monforte de Lemos), Ourense Centro e Sur (en Verín) e Pontevedra Norte e Rías Baixas (en Silleda). Nestes puntos recibiron asesoramento en 2022 un total de 151 proxectos empresariais, dos que 141 se atopan activos na actualidade, repartidos en 13 sectores de actividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023