Lorenzana pon en valor o programa Investigo co que a Xunta aposta pola xeración de emprego xuvenil na investigación, a tecnoloxía e a innovación

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Santiago de Compostela a empresa Teimas Desenvolvemento, beneficiaria destes apoios para a contratación de menores de 30 anos

A iniciativa Investigo forma parte do Plan Emprega Xuventude que con 30 millóns de euros está dirixido específicamente a impulsar o traballo entre as persoas mozas de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta da Xunta de Galicia polo emprego xuvenil a través de programas como o Investigo que contou este ano cun orzamento de 9,1 millóns de euros. Estas axudas, que se empezarán a resolver proximamente, están dirixidas á contratación de persoas mozas demandantes de emprego para levar a cabo proxectos en calidade de investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i.

Lorenzana puxo en valor esta iniciativa na visita que realizou á empresa Teimas Desenvolvemento, en Santiago de Compostela, beneficiaria destes apoios en 2022, cando arrancou por primeira vez esta actuación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Con estes apoios, a Administración autonómica financia, en concreto, os cuestos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social.

Investigo forma parte dun proxecto máis amplo, o Plan Emprega Xuventude que con 30 millóns de orzamento este ano está dirixido en exclusivo a impulsar o emprego entre a mocidade galega, en concreto, estímase a contratación de máis de 2.000 mozas e mozos en 2023 a través dos apoios do Plan.

“Co programa Investigo apostamos pola xeración de emprego xuvenil en Galicia no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación”, apuntou Lorenzana, quen engadiu que a iniciativa pon o foco no talento da xuventude e favorece o seu acceso ao mercado laboral da man de empresas comprometidas. Neste senso, puxo como exemplo a firma Teimas Desenvolvemento, que basea o seu labor na dixitalización da cadea de valor do residuo, é dicir, a través de solucións tecnolóxicas axudan ás empresas no seu avance cara a economía circular e a descarbonización, contribuíndo, deste xeito, á potenciación dos recursos naturais e da saúde das persoas.

A conselleira tamén salientou a aposta desta empresa polo benestar laboral, un concepto polo que está a avogar a Administración galega para xerar en Galicia un emprego de calidade e captar e reter o talento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023