A futura lei autonómica de igualdade incidirá na incorporación da perspectiva de xénero nas políticas medioambientais para impulsar a sustentabilidade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración do II Congreso Súmate ao cambio sustentable organizado polas Empresarias e Directivas do Atlántico (EDA)

Destacou que o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 tamén avoga pola sustentabilidade en todos os sectores da economía

A futura normativa inclúe medidas como a promoción do acceso das mulleres a novos empregos de innovación ecolóxica ou o impulso da participación das asociacións femininas na adopción de decisións no eido das políticas sobre recursos naturais
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Santiago de Compostela, na inauguración do II Congreso Súmate ao cambio sustentable das Empresarias e Directivas do Atlántico (EDA), que Galicia está a apostar “de xeito decidido” pola sustentabilidade en todos os eidos da sociedade e, así, destacou que tanto a futura Lei autonómica de igualdade como o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, inciden na incorporación da perspectiva de xénero nas políticas medioambientais para impulsar precisamente a sustentabilidade do sistema.

Con respecto á futura normativa, que se está a tramitar na actualidade no Parlamento de Galicia, o anteproxecto introduce dous artigos centrados nas políticas medioambientais e nas de ordenación territorial, infraestruturas e mobilidade para incorporar a perspectiva de xénero nestes ámbitos a través de actuacións como son a realización de accións formativas e de difusión que promovan o acceso das mulleres a novos empregos de innovación ecolóxica e ás tecnoloxías emerxentes con baixo impacto ambiental, tanto no eido urbano como rural; o fomento da conservación dos saberes tradicionais das mulleres sobre a explotación agraria sustentable a través da promoción do emprego; ou o impulso da participación das asociacións de mulleres na adopción de decisións no eido das políticas sobre recursos naturais.

A Lei tamén inclúe, no exercicio das competencias da Xunta, a incorporación da perspectiva de xénero nas políticas de ordenación territorial, infraestruturas e mobilidade integrando o enfoque de xénero na planificación do modelo urbanístico e vivenda e na mellora da mobilidade téndose en conta, neste último aspecto, o da mobilidade, a diversidade de situacións en que se atopan as mulleres e as situacións de discriminación múltiple, en particular a das mulleres con discapacidade.

López Abella tamén puxo en valor o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 co que a Xunta aposta tamén pola sustentabilidade de todos os sectores da economía galega.

Para rematar, apuntou que o Goberno galego tamén mantén a súa aposta polo emprego e o emprendemento no medio rural, fortalecendo, para iso, os apoios á contratación e ao autoemprego nas distintas modalidades vinculadas aos sectores agrario e pesqueiro. Así mesmo, na súa intervención no congreso que organizou EDA, do que forma parte Executivas de Galicia, sinalou que a Xunta está a favorecer o microemprendemento e as fórmulas de economía social en iniciativas con compoñente de innovación, ligadas á conservación do medio ambiente e a ao aproveitamento sustentable dos recursos autóctonos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023