A Xunta apunta que o tecido empresarial galego está acelerando os seus plans de transición enerxética para ser máis sustentable

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación da terceira edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida, impulsado por Economía Digital Galicia

A publicación destaca que a porcentaxe de firmas que utilizan máis do 50 % de fontes de enerxía renovables alcanza o 26,7 %, oito puntos máis que hai un ano

A Administración autonómica destina este ano 80 M€ a promover o aforro e a eficiencia enerxética e a dar impulso ás renovables en Galicia

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela na presentación da terceira edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida, impulsado por Economía Digital Galicia. Na súa intervención, Conde apuntou que o tecido empresarial galego está demostrando a súa capacidade de adaptación e está acelerando os seus plans de transición enerxética para ser máis sustentable e, á vez, para facer fronte aos custos enerxéticos. 

Neste sentido, a publicación presentada hoxe destaca que a porcentaxe de firmas que utilizan máis do 50 % de fontes de enerxías renovables alcanza o 26,7 %, oito puntos máis que hai un ano. Para seguir avanzando neste eido, a Xunta destina este ano 80 millóns de euros, o presuposto máis elevado ata agora, a promover o aforro e a eficiencia enerxética e a dar impulso ás enerxías renovables en Galicia.

Tal e como reflicte o Atlas, tamén medra o compromiso coa cultura de “cero residuos” e así, pódese ver que un 65 % das empresas xa utilizan insumos e embalaxes reciclables ou de base biolóxica, e que un 78,3 % recupera a maior parte dos materiais sobrantes, subprodutos ou residuos para o seu uso futuro. Ademais, máis da metade (53,3 %) conta cun plan de substitución de materias primas ou produtos de orixe fósil por outros de carácter biolóxico ou renovable.

Conde fixo fincapé en que o contexto de descarbonización e de transformación enerxética e dixital ten que supor unha oportunidade para o tecido empresarial, e niso se está traballando, no marco de financiamento que ofrecen os fondos europeos Next Generation, a través dunha axenda industrial de proxectos no eido da economía circular, a xeración de hidróxeno verde e biocombustibles, ou a mobilidade sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023