Diego Calvo participa na entrega de trofeos da proba do Campionato de España de Motocross celebrada en Lugo co apoio da Xunta

O Goberno galego colaborou na organización do evento cunha achega 70.000 euros

Competiron máis dun cento de pilotos, entre eles o lugués Jorge Prado, bicampión do mundo na categoría MX2 e que conta co patrocinio do Executivo autonómico

Lugo, 26 de febreiro de 2023 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na entrega de premios da proba que puntúa para o Campionato de España de Motocross celebrada esta fin de semana no circuíto Jorge Prado de Lugo co apoio da Xunta. O Goberno galego colaborou no evento deportivo cunha achega de 70.000 euros.

Na proba competiron máis dun cento de pilotos das categorías Elite-MX1, Elite-MX2 e MX125, entre eles o lugués Jorge Prado, quen foi campión do mundo en dúas ocasións na categoría MX2 e que conta co patrocinio do Goberno galego. O acto de entrega de trofeos contou tamén coa presenza do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

O apoio da Xunta a esta proba do Campionato de España enmárcase no compromiso cos clubs deportivos galegos e, de xeito especial, coa dotación de infraestruturas que garantan a práctica do deporte profesional e de base nas mellores condicións. Así, este ano o Goberno galego destina ao eido deportivo un orzamento récord de 44 M€, no que cómpre salientar 18 M€ destinados a instalacións. A maiores, o tecido deportivo conta con achegas que suman 7 M€, destinados tanto ás axudas ao funcionamento de clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento como á sinatura de convenios.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2023