A Xunta traslada a diferentes comunidades autónomas a súa experiencia e metodoloxía pioneira na avaliación da afectación do solo tras os incendios forestais
Un equipo técnico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán realizou diversos traballos de análise en terreos forestais de Segovia, Ávila, Huelva, Málaga e Albacete
A experta Cristina Fernández, coordinadora do grupo de traballo, explicou esta metodoloxía nun encontro online a nivel nacional do Colegio de Ingenieros Técnicos Forestales y Graduados en Ingeniería Forestal y del Medio Natural
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023 A Xunta trasladou a experiencia e a metodoloxía do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán en materia de avaliación da afectación do solo despois de incendio nos montes galegos a diferentes comunidades autónomas. Así, un equipo técnico dirixido por Cristina Fernandez, investigadora deste centro especializada na materia, realizou diversos traballos de análise en terreos forestais queimados de Segovia, Ávila, Huelva, Málaga e Albacete partindo do método galego.
Estes labores enmarcáronse no proxecto europeo Epyris (dentro do Interreg Sudoe), no que participa Galicia e que está centrado na procura dunha estratexia conxunta para a protección e restauración dos ecosistemas afectados por incendios forestais e na xestión integrada en zonas naturais de alto risco.
De toda esta experiencia deu conta a técnica do CIF nun encontro online celebrado hoxe e organizado, a nivel nacional, polo Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos Forestales y Graduados en Ingeniería Forestal y del Medio Natural.