A Asociación de Veciños de Dornelas en Mos mellora a eficiencia enerxética do seu local social co apoio da Xunta

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprobou as actuacións nas que o Goberno galego investiu máis de 38.000 euros a través dun convenio co concello

As obras de pavimentación, climatización e impermeabilización permiten un maior aforro e benestar das persoas usuarias

A iniciativa enmárcase na aposta do Executivo autonómico pola colaboración coas administracións locais e os colectivos veciñais como entidades máis próximas á cidadanía

Mos (Pontevedra), 23 de febreiro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o local social da Asociación de Veciños de Dornelas para coñecer as melloras executadas co apoio da Xunta. A través dun convenio asinado co concello o pasado xullo realizáronse obras de pavimentación, climatización e impermeabilización para garantir a eficiencia enerxética das instalacións e o benestar das persoas usuarias. A achega do Goberno galego ascendeu a máis de 38.000 euros.  

As obras incluíron a pavimentación do último andar e a cuberta de parte da planta superior, así como a impermeabilización da cuberta plana e a instalación dun sistema de climatización, inexistente na actualidade.

Segundo indicou Diego Calvo, as actuacións permitiron completar a renovación e dotación do local social de Dornelas, que presentaba un estado inacabado, ademais de corrixir as patoloxías e deficiencias construtivas que dificultaban o seu uso nunhas condicións axeitadas para a veciñanza. Deste xeito, garántese unha maior durabilidade das instalacións e un mellor illamento térmico e acústico.

As melloras súmanse ás xa realizadas no ano 2019, tamén para mellorar a eficiencia enerxética e que contaron cunha achega da Xunta de 20.000 euros, de xeito que o investimento total do Goberno galego no edificio superou os 58.000 euros.

A iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta coas administracións locais e coas asociacións veciñais, como entidades máis próximas á cidadanía e mellor coñecedoras das demandas sociais das súas contornas. Nesta liña, o vicepresidente segundo referiuse ás distintas liñas de axudas impulsadas pola Xunta para apoiar de xeito específico estas entidades.

Así, a través da Orde para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, dotada con 3,5 millóns de euros, facilítanselles aos concellos melloras nas dependencias de uso público, no alumeado, camiños municipais ou en parques infantís, entre outras. A esta medida súmaselle o Fondo de Compensación Ambiental, que cun orzamento superior aos 11M€ impulsa distintas accións a prol do medio natural.

Pola súa banda, as asociacións veciñais ou de mulleres rurais e as comunidades de usuarios de augas dispoñen do Plan específico de acción comunitaria, que destina 3M€ para melloras nos locais sociais e nas infraestruturas de abastecemento comunitarias. 

Equilibrio territorial

Diego Calvo incidiu na importancia destas medidas para “garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de xeito que a cidadanía teña as mellores condicións de vida con independencia de onde resida”. Para o vicepresidente segundo, o labor dos concellos e das asociacións de veciños é fundamental na consecución desta meta, como entidades prestadoras de servizos de proximidade e como dinamizadoras da vida social e cultural no eido local, respectivamente.

Data de actualización: 23/02/2023