O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Cultura representan ao Goberno galego nesta celebración

A Xunta e a Fundación Rosalía de Castro conmemoran o 186 aniversario do nacemento da poeta galega máis universal

Valentín García fixo un chamamento para converter esta celebración con actividades en Padrón e Santiago nunha oportunidade “para chamar a atención de toda a sociedade sobre as causas que defendeu a escritora”

O encontro central do día ten lugar ao mediodía no Hostal dos Reis Católicos, cunha lectura de poemas seguida dunha actuación musical

Santiago de Compostela, 23 de febreiro 2023 A Xunta de Galicia conmemora hoxe o 186 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha programación organizada xunto coa Fundación que leva o nome da autora de Cantares gallegos e que arrincou esta mañá no Instituto Camilo José Cela de Padrón cunha lectura de poemas diante da estatua da homenaxeada.

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron na compostelá praza de Vigo na ofrenda floral á autora, amenizada cunha alborada da man dos Carapaus. Un acto no que Valentín García expresou o seu desexo de que o Día de Rosalía “chame a atención de toda a sociedade sobre as causas que defendeu a nosa poeta máis universal, como a da igualdade, a da xustiza, a da cultura e, sobre todo, da lingua de Galicia”.

 

A actividade central da conmemoración, que se desenvolve no Hostal dos Reis Católicos, consiste na lectura de poemas. Autoridades e figuras destacadas da esfera cultural como o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, ou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, dan voz a Tecín soia, ao prólogo de Follas Novas ou a Máis o que ben quixo un día, entre outros textos da autora. Pecha o acto a actuación dos Carapaus, acompañados das alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago, Estela Pereira ao piano e Lía Ferrer ao violonchelo.

 

Actos variados ao longo de toda a xornada

Pola tarde, a Casa de Rosalía acollerá a sétima edición da iniciativa do Caldo de Gloria co chef do asador O’ Pazo Óscar Vidal. Este caldo, descrito nun texto rosaliano, tamén se tomará na Casa-Museo de Curros Enríquez, en Celanova, e na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso.

 
Ademais, a Xunta, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, repartiu 46.000 manteis de papel co poema de Rosalía que inspirou esta iniciativa, Miña casiña, meu lar, para que máis de 200 hostaleiros e máis de 70 comedores escolares, así como concellos e empresas de toda a xeografía galega, se sumasen ao Caldo de Gloria. Para rematar as celebracións, a cantante e compositora Belém Tajes ofrecerá unha actuación no auditorio da Casa-Museo ás 20,00 h.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023