A Xunta ofertará 25 prazas médicas por concurso de méritos para reforzar a asistencia sanitaria do distrito de Monforte

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que a aplicación da Lei de medidas extraordinarias para a provisión de prazas de difícil cobertura permitirá cubrir, sen necesidade de oposición, 21 prazas no hospital comarcal

O concurso de méritos ofertará tamén nesta zona, prazas de medicina de familia en Monforte de Lemos e Sarria, e de pediatría de atención primaria para dar servizo aos concellos de Chantada, Quiroga, O Saviñao, Bóveda e A Pobra de Brollón

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023

“A Xunta de Galicia vai ofertar 25 prazas médicas por concurso de méritos para reforzar a asistencia sanitaria do distrito de Monforte”. Así o anunciou hoxe no Parlamento de Galicia o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en resposta a unha pregunta do Bloque Nacionalista Galego.

 

En concreto, esta convocatoria mediante concurso de méritos vai incluír 21 prazas de facultativo especialista no hospital comarcal de Monforte, das que o conselleiro dixo que cinco delas son de medicina interna, tres de cirurxía xeral e dixestiva, dúas de xinecoloxía, dúas de traumatoloxía, dúas de anestesia, e unha de cada unha das seguintes especialidades: dixestivo, dermatoloxía, otorrinolaringoloxía, pediatría, psiquiatría e rehabilitación.

 

Tal e como explicou Comesaña, combínanse prazas actualmente vacantes, como dermatoloxía ou rehabilitación, con outras cubertas por interinos, “pero o que imos lograr á volta do verán é que o Hospital de Monforte teñan 21 novos facultativos con praza fixa, que van permanecer no centro durante, polo menos, dous anos”.

 

En atención primaria, o concurso de méritos, -remarcou o conselleiro-, ofertará unha praza de medicina de familia en Monforte de Lemos e outra en Sarria, así como unha de pediatría en Chantada, e, tamén, a praza de pediatría que dá cobertura aos concellos de Quiroga, Bóveda, O Saviñao e A Pobra do Brollón.

 

Segundo remarcou o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde, estas convocatorias vainas levar a cabo a Xunta de Galicia grazas á aprobación dunha Lei de medidas extraordinarias para as prazas de difícil cobertura, destinada a incentivar eses postos ofertándoos a través dun concurso de méritos, sen oposición, medida á que o grupo parlamentario que realizou a pregunta parlamentaria votou en contra.

 
 
 

Medidas retributivas

O conselleiro de Sanidade dixo na súa intervención que a Xunta é consciente da problemática que se está a producir pola falta de médicos, xa que non hai profesionais nas listas de contratación para proceder á substitución cando hai baixas ou ausencias, e, ante isto, o Goberno galego acordou, en xullo do ano pasado, por unanimidade con todas as centrais sindicais da Mesa Sectorial, unhas medidas retributivas para compensar aos profesionais que teñen que asumir o exceso de traballo derivado de que faltan compañeiros. Así, a Xunta duplicou os conceptos retributivos vencellados ao illamento e aos postos de difícil cobertura, e incrementou a retribución das intersubstitucións e das prolongacións de xornada.

 

Xunto ao anterior, Comesaña incidiu que a Xunta habilitou un sistema de reparto dos pacientes no caso de vacante dun médico habitual. Máximo de 300 cartillas, cunha prestación adicional de xornada de catro horas e media á semana e unha retribución anual de 12.000 euros/ano ou parte proporcional. “Isto é o que acordamos de xeito unánime coas organizacións sindicais e que estamos a cumprir”, -remarcou o conselleiro-.

 

O titular da sanidade pública galega detallou que hai nos orzamentos da Xunta para este ano unha partida de preto de catro millóns de euros, destinada a financiar estas medidas, e expresou, unha vez máis, “o agradecemento por parte da Xunta ao persoal que asume este traballo”.

 

Por tanto, -dixo o titular da carteira sanitaria-, “hai un modelo alternativo cando se producen ausencias ou baixas entre o persoal empregado público, para compensar o esforzo de quen cubre ao ausente”.

 

Para rematar a súa intervención, o conselleiro sinalou, tamén, que a Xunta traballa en reter talento e, por iso, os residentes MIR que aínda terminen a residencia en maio van poder inscribirse con carácter previo nesta convocatoria de prazas que fai o Goberno galego, e acreditar despois o título da especialidade, unha vez a rematen. En consecuencia, Galicia, “é a única comunidade de España onde un médico pode rematar a súa residencia e obter unha praza fixa no sistema público de saúde no mesmo ano”.

Data de actualización: 22/02/2023