A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, deu conta esta tarde no Parlamento das medidas postas en marcha para facilitar a conciliación nos fogares

A Xunta reforza o Bono coidado e destina máis dun millón de euros a axudar a 4.900 familias galegas a contratar un servizo de conciliación para os seus fillos

Atendéronse o 100% das solicitudes recibidas, concedéndose entre 200 e 500 euros de axuda por unidade familiar

Ademais, a conselleira Fabiola García salienta a gratuidade de todas as escolas infantís para todos os nenos, da que se benefician este curso máis de 31.000 fogares e á que se destinan 55 millóns de euros de fondos autonómicos

Destaca as 95 casas niño en funcionamento, que ofrecen 475 prazas de 0 a 3 anos no rural sen custe algún para os pais; así como a recente aprobación dunha nova convocatoria que suporá a creación de 10 novos centros e de 50 prazas máis

Fai fincapé en que desde a implantación da Tarxeta benvida no ano 2016 xa son 92.500 as familias que recibiron esta axuda para contribuír aos gastos que supón o nacemento dun bebé, na que o Goberno galego leva investidos case 200 millóns de euros

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023

A Xunta destinou á última convocatoria do programa Bono coidado máis dun millón de euros para atender ao 100% das solicitudes recibidas e multiplicar por cinco o número de familias galegas beneficiadas desta axuda á conciliación, ata chegar ás 4.900. Indicouno a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, que esta tarde fixo balance no Parlamento das medidas de apoio á conciliación que está a desenvolver o Executivo autonómico.

 

Fabiola García explicou que as contías desta achega oscilan entre os 200 e os 500 euros por unidade familiar e permite aos pais contratar a unha persoas empregada do fogar ou servizos de atención á infancia en momentos puntuais, como por exemplo campamentos de verán.

 

Ademais deste programa, a conselleira sinalou outras medidas de conciliación e apoio ás familias que fan de Galicia unha Comunidade Autónoma de referencia neste ámbito. Así, referiuse á gratuidade para todos os fillos en todas as escolas infantís, á que se destinan 55 millóns de euros de fondos propios da Xunta e da que xa se benefician neste curso máis de 31.000 familias para as que esta medida supón un aforro de ata 2000 euros por neno.

 
 

Conciliar no rural e axudas por nacemento

Tamén destacou as 95 casas niño que están en funcionamento por toda a xeografía galega e coas que se poñen a disposición das familias 475 prazas gratuítas de 0 a 3 anos no rural. Así mesmo, apuntou que este ano rematara con máis dun centenar deste tipo de centros, xa que o Goberno galego aprobou unha nova convocatoria para a creación de dez novos que sumarán 50 prazas máis.

 

Fabiola Galicia salientou a consolidación da Tarxeta Benvida, axuda directa de entre 1.200 e 3.000 euros ao ano para cubrir os gastos que supón o nacemento dun bebé. Desde que o Goberno galego implantou este programa no ano 2016, xa son máis de 92.500 os fogares que recibiron esta axuda á que a Xunta leva destinado preto de 200 millóns de euros.

 

A conselleira dixo que a Xunta incrementa ano tras ano os orzamentos para seguir satisfacendo as necesidades das familias galegas. De feito, este exercicio de 2023 destínanse case 230 millóns de euros en apoiar ás familias e na atención á infancia, un 36% máis que en 2022 e cinco veces máis do que se dedicaba a esta finalidade en 2009.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2023