A Xunta lembra que a autorización de vertido de augas residuais depuradas de San Finx conta con todas as garantías e que esta non permite a actividade mineira

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, lembra que a autorización de Augas de Galicia en ningún caso posibilita o desenvolvemento da actividade mineira nese punto da explotación, que requirirá de tramitación ambiental

A autorización do vertido está supeditada ao cumprimento de 18 requisitos para a correcta xestión das medidas de depuración e á atención estrita das normas de calidade ambiental

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe no Parlamento que a autorización de Augas de Galicia do vertido de augas residuais depuradas da mina de San Finx se axusta escrupulosamente ao establecido na normativa vixente de aplicación e que a súa tramitación se desenvolveu con todas as garantías para as partes implicadas.

Do mesmo xeito, lembrou que a autorización do vertido non permite o desenvolvemento da actividade mineira nese punto da explotación. Tal e como apuntou o vicepresidente primeiro da Xunta, para poder levar a cabo a fase de explotación mineira na planta quinta e inferiores, que están inundadas, o titular dos dereitos debe presentar e tramitar a actualización de proxectos, e esta autorización debe someterse previamente á tramitación ambiental.

A autorización do vertido está supeditada ao cumprimento de 18 requisitos para a correcta xestión das medidas de depuración e á atención estrita das normas de calidade ambiental e farase un seguimento e control exhaustivo para evitar a afección do río Pesqueiras ou rego de Rabaceiros.

Conde lembrou que a Xunta traballa a prol dunha minería responsable e sostible, que cumpra escrupulosamente coa normativa vixente e cos parámetros de calidade ambiental establecido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2023