O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe no Pleno unha pregunta sobre os fondos Next Generation

A Xunta pide ao Goberno un cambio de actitude para que as comunidades poidan participar na xestión dos fondos europeos e no deseño das convocatorias

Conde afirma que a visita da delegación europea ten que supoñer “un punto de inflexión” para axilizar a execución dos fondos e para que as comunidades autónomas poidan optar a eles en igualdade de oportunidades

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, pediu hoxe ao Goberno un cambio de actitude para que as comunidades autónomas poidan participar na xestión dos fondos europeos e no deseño das convocatorias.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Conde asegurou que aínda existe “unha oportunidade para pasar á cogobernanza efectiva”, tendo en conta que, de acordo aos últimos datos relativos aos Perte, dos preto de 41.000 M€ anunciados polo Goberno, convocáronse actuacións por importe de 12.823 M€, apenas o 31%, e dos que só están adxudicados o 16,5% , é dicir, 6.770 M€.

Un exemplo é a fábrica de Stellantis en Balaídos, líder en España, que continúa esperando por un novo Perte que ofreza certezas a un sector que supón o 13,7% do emprego industrial en Galicia (24.350 persoas). Un Perte para o que o Goberno constituíu un grupo de traballo coa empresa e as comunidades con fábricas de Stellantis instaladas en España (Aragón, Madrid e Galicia) que a día de hoxe está inoperativo.

“A visita da delegación europea ten que supoñer un punto de inflexión para que as comunidades autónomas poidamos optar aos fondos en igualdade de oportunidades”, afirmou Conde, que recordou que a UE vén de pedir ao Goberno máis flexibilidade nas convocatorias e na execución dos fondos e maior cogobernanza coas comunidades autónomas para impulsar os proxectos industriais.

Segundo dixo, é preciso un cambio de actitude coas administracións autonómicas para que a xestión dos fondos aínda pendentes de execución dos Perte non sexa unha repetición de erros. Non pode ocorrer, abondou, que se concedan axudas directas a Cataluña e á Comunidade Valenciana para impulsar o vehículo eléctrico (120 M€), cando Galicia é líder en produción. Nin que se comprometan en Asturias fondos do Perte de descarbonización para ArcelorMittal (460 M€), antes incluso de convocalo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2023