O presidente da Xunta visitou en Santiago de Compostela a sede de Sionlla Biotech
O Goberno galego inviste 40 M€ no impulso dos centros de fabricación avanzada que melloran a competitividade da industria
Rueda recorda que Galicia é a segunda CC. AA. que máis empresas biotecnolóxicas crea e que o biopolo da Sionlla é o mellor exemplo da puxanza desta industria
Avanza que a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025 pretende mobilizar 662 M€ de investimento público-privado
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou o investimento público-privado de 40 millóns de euros no impulso dos centros de fabricación avanzada que melloran a competitividade da industria galega. O mandatario galego visitou hoxe en Santiago de Compostela a sede de Sionlla Biotech, un biopolo que cualificou como o mellor exemplo da puxanza do sector biotecnolóxico galego.
Nun percorrido no que estivo acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, o titular do Goberno galego puxo en valor unhas instalacións preparadas para acoller as primeiras empresas, que van dispoñer de infraestruturas industriais de uso aberto e compartido, con laboratorios e zonas networking e con espazo para ata 19 firmas do sector. “Estes son os centros do futuro -precisou-, e o noso deber é poñer os medios para que se fagan realidade”.
No biopolo da Sionlla investíronse 5 millóns de euros mediante a fórmula da colaboración público-privada, dos que o 80% se encadra no programa de axudas aos Centros de Fabricación Avanzada. A primeira edición desas achegas convocouse no ano 2020, dirixida a pemes e a grandes empresas, coa mobilización de 22,6 millóns de financiamento público-privado que permitiron poñer en marcha actuacións tan importantes como o biopolo da Sionlla, a Cidade das TIC da Coruña ou o Centro de tratamentos térmicos de aceiro do grupo Intaf en Narón.
O ano pasado lanzouse unha nova convocatoria para grandes empresas que está a piques de resolverse e coa que se espera mobilizar ao redor de 11 millóns de euros. E no segundo trimestre deste ano a Xunta ten previsto lanzar novas axudas destinadas a pemes que aspiran a mobilizar 6,7 millóns de euros. En total -recordou o presidente da Xunta-, o investimento público-privado para impulsar os centros de fabricación avanzada acadará os 40 millóns de euros.