Augas de Galicia impartiu esta mañá unha webinar sobre esta nova norma, na que participaron 100 asistentes

A Xunta aborda con profesionais das administracións autonómica e local a Lei do ciclo integral da auga, que reforza o apoio aos concellos na xestión do abastecemento e a depuración

A nova lei, que entrou en vigor o pasado 1 de setembro, inclúe a adhesión voluntaria dos concellos e fomenta unha xestión profesional dos servizos urbanos da auga

Trátase dun novo modelo de xestión para garantir a calidade dos servizos aos cidadáns, a eficiencia na explotación das infraestruturas e a viabilidade económica dos sistemas

Augas de Galicia asumirá a explotación das infraestruturas municipais dos concellos que o soliciten, como xa está a facer actualmente coas 28 depuradoras que xestiona

A Xunta leva mobilizado nos últimos anos máis de 1.100 M€ en obras de saneamento e abastecemento, permitindo que o 90 % das aglomeracións urbanas cumpran a directiva sobre depuración e o 79 % das masas das rías estean en bo estado

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023 A Xunta abordou esta mañá con profesionais das administracións autonómica e local a nova Lei do ciclo integral da auga, unha ferramenta de apoio aos concellos na xestión do abastecemento, o saneamento e a depuración para mellorar a calidade dos servizos aos cidadáns.

Augas de Galicia impartiu hoxe unha webinar na que participaron 100 asistentes sobre esta Lei que está en vigor desde o pasado 1 de setembro e ten como obxectivo establecer un marco normativo que regule a política da xestión do ciclo integral da auga en Galicia.

Trátase dun novo modelo de xestión que pretende garantir a calidade dos servizos aos cidadáns, a eficiencia na explotación das infraestruturas e a viabilidade económica dos sistemas.

A norma, á que os concellos poden adherirse de forma voluntaria, fomenta unha xestión profesional dos servizos urbanos da auga. Así, naqueles municipios que así o soliciten de xeito voluntario, Augas de Galicia encargarase da explotación das infraestruturas hidráulicas, como xa está a facer nos 28 concellos nos que actualmente está a xestionar as súas depuradoras.

O novo marco regulatorio aposta pola integración de servizos e pola xestión profesionalizada e especializada das infraestruturas e servizos asociados, partindo do coñecemento minucioso dos sistemas e da ordenación completa das súas instalacións.

Esta Lei vén axudar aos concellos ante as dificultades técnicas e económicas para prestar axeitadamente e con eficacia estes servizos municipais, que inciden na calidade das augas, no medio natural, na saúde das persoas e en actividades económicas como a pesca, o marisqueo a acuicultura ou o turismo.

A normativa tamén supón aplicar unhas tarifas transparentes e homoxéneas en toda Galicia, que respectan a autonomía municipal e non supón incremento de tarifas nin imposición de ningún tipo.

Cómpre lembrar que nos últimos anos, a Xunta leva mobilizado máis de 1.100 millóns de euros en actuacións de saneamento e abastecemento, coas que o 90 % das aglomeracións urbanas cumpren a directiva europea sobre depuración; o 79 % das masas de auga das rías se atopan en bo estado; e os puntos de vertido clasificados como contaminantes pasaron do 40 ao 15 %.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2023