A Xunta abre mañá o prazo para realizar achegas ao proxecto de decreto que regula a carreira investigadora na Administración galega

Hoxe publícase no Portal de Transparencia o texto, ao que se poderán presentar suxestións ata o 15 de marzo


O obxectivo que persegue o Goberno autonómico é lograr unha norma froito do consenso que permita contar cun marco laboral estable e atractivo para o persoal de investigación da Xunta e dos seus entes instrumentais e que fixe a senda para a contratación de persoal no futuro


Este decreto reforzará a investigación que se realiza nos centros públicos de I+D para consolidar as capacidades de Galicia en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a saúde, as ciencias mariñas ou o agrogandeiro, entre outros.
 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia publicará esta mañá no Portal de Transparencia o proxecto de decreto polo que se regula a carreira investigadora na Administración xeral da Comunidade e nas súas entidades instrumentais. Coa exposición pública do texto, ábrese o prazo para a presentación de suxestións -desde mañá, xoves 23 de febreiro, ata ao 15 de marzo-.

 

Unha vez superado o trámite de consultas públicas previas -e tras un intenso traballo con todos os axentes implicados (o propio persoal investigador, colectivos... e no marco do grupo técnico da Comisión Interdepartamental de I+D+i)- a Xunta de Galicia continúa avanzando nesta futura norma que pretende ser o resultado dun proceso de consenso.

 

O decreto responde á necesidade de regular un marco común e estable de desenvolvemento profesional para o persoal investigador e de apoio da Xunta de Galicia e das súas entidades instrumentais, ofrecendo un estatuto pioneiro no ámbito estatal. Deste xeito, o Goberno galego aproveita a oportunidade que abre a reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación -que establece a necesaria estabilización pero non crea unha carreira- para regular desde o eido autonómico aspectos moi relevantes do réxime do persoal investigador que facilitarán a captación, retención e atracción de talento.

 

Esta norma permitirá a estabilización do persoal actual e fixa o camiño para a contratación de persoal futuro, así como un marco de condicións de traballo que garante o crecemento persoal–mellorando e homoxeneizando as condicións-, xa que son precisamente as persoas as que contribúen ao avance da ciencia, tan fundamental no actual modelo de crecemento económico.

 

Reforzará, ademais, a investigación que se realiza nos centros públicos de I+D para consolidar as capacidades de Galicia en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a saúde, as ciencias mariñas ou o agrogandeiro, entre outros.

 

Por último, facilita a mobilidade do persoal fomentando así a súa formación, a colaboración entre o tecido investigador e o tecido empresarial e o desenvolvemento de actividades empresariais por parte do persoal de investigación. Tras a exposición pública, o proxecto de decreto terá que superar diferentes trámites co obxectivo de que a norma poida estar aprobada esta primavera.

Data de actualización: 22/02/2023