A Xunta e FENITEL presentan as axudas para mellorar as infraestruturas de telecomunicacións en edificios
A Cidade da Cultura acolleu hoxe unha xornada informativa sobre o Plan Renove ICT, dotado con 4 M€
Subvencionarase ata o 70 % dos gastos derivados da mellora das infraestruturas de telecomunicación en edificios
Esta é unha das iniciativas postas en marcha pola Xunta de Galicia no marco do compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE para a mellora da conectividade
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración coa Federación Nacional de Instaladores e Integradores de Telecomunicaciones (FENITEL), organizaron hoxe unha xornada para presentar o Plan Renove ICT, posto en marcha pola Xunta de Galicia.
Esta iniciativa busca eliminar as barreiras para a prestación de servizos avanzados no fogar e incorporar ICT adaptadas ás novas redes ultrarrápidas, especialmente nos edificios de maior antigüidade. O plan está dirixido a edificios ou conxuntos de edificios suxeitos ao réxime de propiedade horizontal que estiveran concluídos antes do 1 de xaneiro de 2000, antes da entrada en vigor do Real Decreto 279/1999 de 22 de febreiro.
Está previsto que se publique a convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia nas próximas semanas.