A Xunta e a Fegamp acordan crear unha comisión técnica para avaliar os estudos de ambas administracións sobre a delimitación das competencias autonómicas e locais

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou xunto co presidente da FEGAMP, Alberto Varela, no primeiro dos encontros para poñer en común as conclusións das dúas propostas co obxectivo de chegar a acordos sobre a prestación de servizos no eido local


Diego Calvo incidiu na importancia de avanzar para acadar un consenso co obxectivo de garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos
 

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023

A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) acordaron hoxe constituír unha comisión técnica que avalíe os estudos de ambas entidades co obxectivo de clarificar as competencias das administracións autonómica e local. No caso do Goberno galego, presentouse o pasado decembro o Estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local de Galicia, elaborado no marco dun acordo coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

 

Nun principio, neste acordo tamén se contemplaba incluír a FEGAMP pese a que finalmente a entidade non asinou o convenio entre a Xunta e a USC e creou o seu propio grupo de traballo que deu como resultado o seu propio estudo. Coa decisión de hoxe de crear unha comisión técnica paritaria preténdese contrastar as conclusións de ambas propostas e así chegar a acordos, sobre todo nos ámbitos onde se detecta maior dificultade para clarificar as competencias como os servizos sociais, o mantemento de centros docentes e de saúde, a atención ás emerxencias, o medio ambiente ou a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero.

 

Diego Calvo explicou a importancia de avanzar e dar pasos para chegar ao máximo acordo posible na maioría dos ámbitos coa finalidade última de garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos e evitar duplicidades. Asegurouno ao remate do encontro no que, por parte da Xunta, tamén asistiron a secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda, Elena Muñoz, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

 

Cómpre lembrar que o Goberno galego mantén o compromiso coas entidades locais cunha achega este ano de máis de 564M€, un 15,5% máis que en 2022. Nesta liña destaca o incremento no Fondo de Cooperación Local, que ascende a 143,4 millóns de euros, un 17% máis que en 2022, e en especial da parte do fondo adicional destinado aos servizos que máis demandan os concellos e que rexistra unha suba récord do 135% cunha dotación de 30,5M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2023