A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e representantes municipais

A Xunta traslada ao Concello de Ferrol a vontade de pechar a colaboración para o saneamento do rural o antes posible pero advirte que para iso é imprescindible que subsane as numerosas deficiencias detectadas nos proxectos

Augas de Galicia lémbralle ao Executivo local a necesidade de ter os proxectos de saneamento do rural corrixidos e pechados, e ínstaoo a recabar os informes sectoriais para avanzar no convenio correspondente

Na reunión de hoxe informouse ao Concello das deficiencias que deben ser rectificadas, relativas ao cumprimento da normativa hidráulica e ambiental, tendo en conta que as intervencións están parcialmente localizadas en Rede Natura 2000

O Concello de Ferrol, como responsable das competencias de saneamento, ten pendente aínda de estender os servizos de tratamento das augas residuais ao rural do municipio, algo no que a Xunta se comprometeu a colaborar desde hai moitos anos, incrementando ata o 70% o seu compromiso inicial de financiamento

A Xunta está disposta a executar as obras e financialas maioritariamente, pero é preciso que o Concello faga o esforzo que lle corresponde de achegar os proxectos técnicos axeitados, modificándoos no necesario, ademais dos informes sectoriais e a parte de financiamento que lle corresponde

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2023 A Xunta, a través de Augas de Galicia, trasladou hoxe a vontade de pechar a colaboración co Concello de Ferrol para o saneamento do rural o antes posible pero advirte que para iso é imprescindible que a administración local subsane as numerosas deficiencias detectadas nos proxectos presentados.


A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, xunto co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, reuniuse hoxe co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e representantes municipais.

 

No encontro, a directora de Augas de Galicia trasladoulle de primeira man ao Concello as deficiencias detectadas nos proxectos que presentou para o saneamento do rural, que deben ser rectificadas á maior brevidade, relativas ao cumprimento da normativa hidráulica e ambiental, tendo en conta que as intervencións están parcialmente localizadas en Rede Natura 2000, e que debe ser emendado.

 

Augas de Galicia, unha vez supervisados os proxectos, xa deu resposta ao Concello o pasado 8 de febreiro das numerosas deficiencias que debía corrixir nos documentos presentados, recomendándolle ao Concello a corrección, primeiro, dos proxectos antes de iniciar as tramitacións correspondentes, para facilitar e axilizar eses trámites.

 

Cómpre lembrar que o Concello de Ferrol, como responsable das competencias de saneamento, ten pendente aínda de estender os servizos de tratamento das augas residuais ao rural do municipio, algo no que a Xunta se comprometeu a colaborar desde hai moitos anos, incrementando ata o 70% o seu compromiso inicial de financiamento, que era achegar o 30%.

 

Así, segundo destacou Teresa Gutiérrez, neste ano 2023 a Xunta incrementou a partida económica para a colaboración co Concello, comprometendo un gasto plurianual de 8,4 millóns de euros no saneamento rural de Ferrol.

 

Lembrou que o rural de Ferrol leva moitos anos agardando a que se cumpra o compromiso de dotalo de saneamento e que a Xunta está disposta a executar as obras e financialas maioritariamente, pero é preciso que o Concello faga o esforzo que lle corresponde de achegar os proxectos técnicos axeitados, modificándoos en todo aquelo que é necesario, ademais de recabar os informes sectoriais, e achegar a parte de financiamento que lle corresponde.

 

Problemas de inundacións río dos Corrais

Por outra banda, na reunión de hoxe tamén se abordaron os recentes problemas de desbordamento do río dos Corrais. A este respecto, Augas de Galicia informou ao Concello de que se está actuando prioritariamente nas áreas catalogadas como de risco potencial significativo de inundacións.

 

En todo caso, a directora de Augas de Galicia comprometeuse a analizar a situación e solicitoulle ao Concello a remisión de toda a documentación da que dispón para avaliar se se debe incluír como zona potencial de risco de inundacións na seguinte revisión cíclica da planificación, tendo en conta que o Concello non puxo de manifesto con anterioridade este problema nin presentou documentación ao respecto.

 
Tendo en conta que o Concello ten un proxecto construtivo redactado sobre as inundacións na contorna do río dos Corrais, a Xunta solicitoulle a súa remisión co obxectivo de avaliar se é posible avanzar nalgunha actuación que se considere prioritaria a través dalgún tipo de colaboración.

Data de actualización: 20/02/2023