A Xunta publica hoxe no DOG a normativa do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027 que se fixa como obxectivo lograr que o 100% das masas de auga da conca acaden o bo estado

O Plan Hidrolóxico entrou en vigor o 10 de febreiro coa súa publicación no Boletín oficial do Estado, tras máis de 8 meses desde a súa autorización por parte do Consello da Xunta, sendo Galicia pioneira en aprobar o seu Plan de conca

A demora do Goberno central en aprobar os plans hidrolóxicos nacionais ten derivado na apertura dun expediente de infracción a España por parte da Comisión Europea por non ter finalizado a revisión no prazo establecido pola Directiva Marco da Auga

A folla de ruta de Galicia con rango de lei ten moi en conta a necesidade de adaptar a xestión da auga, tanto a situacións de seca como a episodios de inundacións

O Plan establece 79 medidas normativas para fomentar unha xestión máis sustentable da auga, adaptada ao cambio climático e aos obxectivos ambientais

Recolle 212 medidas e 1.885 M€ de investimento, dos cales 973 M€ se destinarán a saneamento e 560 M€ a abastecemento

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a normativa do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027, na que se recollen as directrices deste instrumento fundamental para a xestión da auga en Galicia durante os vindeiros anos, e fixa como obxectivo lograr que o 100% das masas de auga da conca acaden o bo estado.

 

O Plan Hidrolóxico de Galicia, que entrou en vigor o pasado 10 de febreiro coa súa publicación  no Boletín Oficial do Estado, eríxese como unha folla de ruta con rango de lei. Foi aprobado por parte do Consello da Xunta hai xa oito meses, malia que non foi ata o pasado 24 de xaneiro cando foi autorizado en Consello de Ministros por parte do Goberno central.

 

Cómpre lembrar que a demora do Goberno central na aprobación dos plans hidrolóxicos nacionais ten derivado na apertura dun expediente de infracción a España por parte da Comisión Europea por non ter finalizado a revisión dos plans no prazo establecido pola Directiva Marco da Auga.

 

O novo Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa inclúe 79 medidas de carácter normativo para establecer normas adaptadas ás problemáticas actuais do uso da auga, á xestión máis sustentable, ao contexto climático e a garantir un mellor cumprimento dos obxectivos ambientais. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/fbiFat ,

 

Galicia, que foi comunidade pioneira ao aprobar o seu plan de conca, dispón así dun instrumento de planificación que ten vixencia de 6 anos, no que se ten moi en conta a necesidade de adaptar a xestión da auga ao novo contexto de cambio climático, tanto no relativo ao risco de inundacións como aos episodios de seca.

 

Tamén permitirá velar pola calidade de todos os ríos que nacen e morren na comunidade, das augas costeiras asociadas e das augas de transición.

 

O Plan hidrolóxico recolle ademais un programa de 212 medidas e 1.885 M€ de investimento.  O maior esforzo económico destinarase ás actividades máis importantes para a calidade das augas: o saneamento e a depuración, prevendo unha mobilización de 973 M€; e o abastecemento, con máis de 560 M€, absorbendo o 80% do orzamento do plan.

 

Máis en concreto, un total de 110 das 212 medidas previstas con carácter de investimentos disporán de financiamento autonómico, é dicir, máis de 605 M€. Polo tanto, a Xunta asume o 52% das medidas recollidas no plan e o 63% do investimento previsto.

 

Preservación e protección das masas de auga

O plan inclúe novidades normativas para a preservación das masas de auga, como a limitación de plantacións en zonas de servidume do dominio público hidráulico e de traballos que supoñan o deterioro dos ecosistemas dos ríos, fomentando a vexetación de ribeira.

 

Así, daranse facilidades aos cidadáns para realizar plantacións, sementas ou traballos de mantemento en zona de policía pero fóra de servidume, labores que poderán facerse sen autorización de Augas de Galicia.

 

O plan tamén recolle unha maior protección das masas da auga cunha mellor xestión dos xurros, establecendo a obrigatoriedade de impermeabilizar o seu almacenamento e cubrilos axeitadamente, para evitar posibles vertidos ao medio.

 

En canto aos caudais ecolóxicos, incorpóranse diversas previsións para contribuír a clarificar a súa aplicación así como o control do seu cumprimento, pois estes caudais son de aplicación directa e inmediata e, polo tanto, de obrigado cumprimento.

 

Estableceranse, ademais, medidas contra o uso abusivo da auga.

 

Participación pública e consenso

A Xunta realizou un inxente traballo de campo para elaborar o novo plan, que incluíu a revisión e actualización do plan anterior (2015-2021), realizando unha completa análise e primando a participación.

 

Para isto, acometéronse 55.000 analíticas nas masas de auga con distintos parámetros, físico-químicos, biolóxico e hidromorfolóxicos, para avaliar o seu estado e a súa calidade.

 
Ademais fomentouse a participación pública, coa divulgación dos contidos e a sensibilización sobre a importancia da protección dos recursos hídricos, acadando un consenso maioritario coa incorporación de achegas recibidas.

Data de actualización: 20/02/2023