A Xunta patrocina con 70.000 euros a proba do campionato de España de Motocross no circuito Jorge Prado de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, mantivo hoxe en Teixeiro unha xuntanza con responsables do Club Motopark Lugo, organizadores do evento

Lugo, 17 de febreiro de 2023.- A Xunta de Galicia patrocina con 70.000 euros a proba do Campionato de España de Motocross que acollerá o circuíto Jorge Prado, no municipio de Lugo, os vindeiros días 25 e 26 de febreiro. 

O delegado territorial, Javier Arias, desprazouse hoxe ata o recinto, situado na parroquia de Teixeiro, onde mantivo unha xuntanza cos responsables do Club Motopark Lugo para comprobar a marcha dos últimos preparativos antes da cita.  

Arias destacou o respaldo do Goberno galego para dotar a Lugo dunha infraestrutura que puidera acoller unha proba destas características. “A Xunta foi a primeira Administración que apostou firmemente por esta iniciativa -apuntou-, e confirmamos agora o noso compromiso para que teña unha estrea extraordinaria, no marco do campionato nacional”. Ao respecto, sinalou que o Goberno galego traballará para “consolidar este circuíto como sede de competicións tanto nacionais como internacionais”. 

O evento congregará en Lugo aos mellores deportistas da modalidade, entre eles o piloto lucense que dá nome ao circuíto. Jorge Prado foi tres veces campión do mundo en distintas categorías; a primeira en 65cc no ano 2011, con só 10 anos de idade, e dúas máis na categoría MX2. Actualmente disputa o campionato mundial na categoría reina de MXGP.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/02/2023