O Instituto Galego de Formación en Acuicultura acolle á tartaruga Ferdylan para a súa recuperación

Permanece no Igafa xunto a Nemiña, que chegou ao centro en decembro do ano pasado, en observación e baixo a supervisión da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) para devolvela ao medio natural cando estea plenamente rehabilitada

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2023

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, acolle desde hai uns días á tartaruga Ferdylan, que foi capturada accidentalmente por un pesqueirono litoral de Cariño. Deste xeito, agora mesmo hai dúas tartarugas en proceso de rehabilitación no centro pois desde finais do ano pasado tamén está Nemiña.

O animal é unha tartaruga común (caretta caretta) que superou a revisión inicial do equipo veterinario da Rede de Varamentos de Galicia e pasou cinco días na UCI que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) ten en Nigrán antes de ser trasladada ao Igafa. Nesa avaliación comprobouse que non presentaba danos apreciables e que era capaz de alimentarse soa, polo que se decidiu trasladala ás instalacións dependentes da Consellería do Mar pois contan con máis espazo, o que favorece a súa recuperación. 

Esta acción forma parte da colaboración que mantén a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desde o ano 2013 coa Cemma para a recuperación dos mamíferos mariños e outras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos. Ademais conta coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto dependente da Xunta. De feito, este tipo de estadías adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños.

Ferdylan, ao igual que Nemiña, permanecerá en observación nas instalacións do Igafa e, unha vez rematada a súa recuperación, devolverase ao medio natural. Con ela o centro ten participado na recuperación de cinco tartarugas e 13 lobos mariños desde 2013. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental do alumnado e a adquisición de coñecementos para o mantemento e recuperación de especies mariñas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/02/2023