A Xunta apunta que Mindtech é o espazo idóneo para xerar sinerxías entre empresas tractoras e startups

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, interveu no acto de promoción internacional da feira, que se celebrará do 20 ao 23 de xuño en Vigo

Subliña que o encontro vai na liña da Axenda Startups, coa que se busca consolidar en Galicia un ecosistema de novas empresas tecnolóxicas ligadas aos retos da industria

Salienta que na terceira edición de Mindtech van estar moi presentes os retos da innovación, a dixitalización, a transición enerxética e a sustentabilidade

Vigo, 17 de febreiro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe no acto de promoción internacional de Mindtech 2023 que este encontro, que se celebrará en Vigo do 20 ao 23 de xuño, é o espazo idóneo para xerar sinerxías entre empresas tractoras e startups da industria, sinalando así mesmo que vai na liña da Axenda Startups, coa que a Xunta busca consolidar en Galicia un ecosistema de novas empresas tecnolóxicas ligadas aos retos da industria. Precisamente este é un dos obxectivos que contan co apoio explícito da Xunta nesta feira a través do convenio asinado con Asime.

Durante a súa intervención, Conde reivindicou o xen industrial que Galicia leva no seu ADN, e salientou a importancia da colaboración público-privada como panca do tecido económico.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación destacou que o sector do metal representa o 20% do PIB de Galicia e que no 2022 supuxo o 35,4% do total das exportacións galegas. Francisco Conde subliñou que esta industria abarca un amplo número de actividades cun grao de interrelación e competitividade que o converten nun dos sectores con máis potencial para a innovación e para a diversificación de mercados e produtos, e lembrou o acompañamento que se está a facer desde a Xunta de Galicia ao naval, coa posta en marcha da oficina Conecta Naval; a automoción, con apoios por 100 millóns de euros en materia de innovación e coñecemento; e o aeroespacial e aeronáutico, co Polo Aeroespacial de Galicia, entre outros eidos de actividade.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación salientou que na terceira edición de Mindtech van estar moi presentes os retos da innovación, a dixitalización, a transición enerxética e a sustentabilidade, resaltando que neste encontro vai quedar de manifesto o esforzo e a capacidade coa que a industria galega, co apoio das Administracións, lles está dando resposta.

Data de actualización: 17/02/2023