A Xunta ultima o proxecto construtivo da nova depuradora de Arcade, de acordo cos condicionantes de costas e a nova directiva europea de augas residuais

Teresa Gutiérrez detalla que ademais da nova depuradora, para unha poboación de 11.829 habitantes, se executarán un tanque de tormentas e un parque solar para o subministro de enerxía fotovoltaica


Subliña que o Concello de Soutomaior pon á disposición os terreos para a infraestrutura, que contribuirá a mellorar a calidade das augas da enseada de San Simón, dando servizo tamén a Pontevedra, Vilaboa e Redondela
 

Destaca que o proxecto incluirá medidas para adaptarse á nova Directiva Europea de Augas Residuais, como a disposición dun tratamento cuaternario de oxidación avanzada con ozono para resolver obxectivos referentes á reutilización da auga
 

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2023

A Xunta ultima a redacción do proxecto construtivo da depuradora de Arcade, no concello de Soutomaior, tendo en conta os condicionantes impostos por Costas e coa máxima adecuación á nova Directiva Europea de Augas Residuais.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, onde explicou que este proxecto está case ultimado, a falta do informe de Costas.

 

Remarcou a complexidade desta intervención, coa que se proxecta a construción dunha nova depuradora que dea cumprimento aos límites de vertido exixidos e sirva a unha poboación de 11.829 habitantes equivalentes.

 

Indicou que a depuradora de Arcade, ademais de ao concello de Soutomaior, dá tamén servizo aos municipios de Vilaboa, Pontevedra e Redondela e avanzou que eses municipios deben chegar a un acordo para ordenar a xestión da infraestrutura.

 

Sinalou que se executarán un tanque de tormentas nas inmediacións da EDAR existente, unha impulsión ata a nova planta e unha condución de vertedura que conecta coa cámara de saída da auga tratada da actual depuradora. Tamén se procederá á demolición da actual depuradora e á construción dun parque solar para subministro de enerxía eléctrica de procedencia fotovoltaica.

 

A directora de Augas de Galicia remarcou que a depuradora, para a cal o Concello de Soutomaior asume a posta á disposición dos terreos, permitirá devolver a auga tratada ao medio receptor en condicións de calidade moi superiores ás actuais e ofrecerá garantías de futuro maiores. Así a actuación contribuirá a mellorar a calidade das augas na enseada de San Simón da ría de Vigo.

 

Incidiu en que tamén se está traballado para incluír no proxecto medidas para adecuarse á revisión da Directiva 91/271/CEE, relativa ao tratamento das augas residuais urbanas.

 

Neste sentido, indicou que se disporá no proxecto da depuradora un tratamento cuaternario de oxidación avanzada con ozono, para resolver obxectivos referentes á reutilización da auga.

 

Tramitación complexa

Por outra parte, a directora puxo o acento na complexa tramitación deste proxecto, ao ter que someterse a informes de diversas administracións afectadas, así como á consecución da autorizacións pertinentes.

 

No marco destes informes, o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra impuxo uns cambios que obrigaron a modificar a solución prevista para a renovación do bombeo de Arcade, levándoa fóra do dominio público marítimo terrestre.

 

Ademais, Augas de Galicia tivo que solicitar a Costas o 20 de maio de 2022 un informe sobre a viabilidade do trazado, sen ter a día de hoxe resposta ao mesmo por parte do ente estatal.

 

A Xunta, a pesar de que as competencias de saneamento e abastecemento son de competencia municipal, segue prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que desenvolvan de xeito eficiente as súas responsabilidades.

Data de actualización: 17/02/2023