A Xunta recibe seis ofertas para desenvolver a actualización do censo de industrias con autorización de vertedura e realizar auditorias nas redes de saneamento e en depuradoras

Mediante este contrato, licitado por máis de 1,8 M€, Augas de Galicia contará con apoio técnico para a revisión do censo de industrias obrigadas a obter autorización de vertido e para a asistencia aos concellos na elaboración dos permisos

Das 6 ofertas presentadas para prestar estes servizos de apoio técnico 3 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 9 empresas
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 6 ofertas para desenvolver os traballos de actualización do censo de industrias obrigadas a contar con autorización de vertedura para realizar a súa actividade.  

Trátase dos servizos, licitados por máis de 1,8 M€, polo que a entidade hidráulica da Xunta tamén contrata a asistencia técnica para o control de verteduras de usuarios non domésticos aos sistemas de saneamento, así como para a realización de auditorías nas redes de saneamento e nas estacións depuradoras de augas residuais.

Das 6 ofertas presentadas para prestar estes servizos de apoio técnico 3 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 9 empresas. 

Mediante estes servizos de asistencia técnica, Augas de Galicia ten como obxectivo incrementar a inspección e control de verteduras industriais e de usuarios non domésticos aos sistemas de saneamento, así como a supervisión e auditoría das redes de saneamento municipais.

As actuacións de inspección e control de verteduras industriais e de usuarios non domésticos comprenden os traballos de actualización do censo de industrias obrigadas a obter permiso de vertedura ao sistema público de saneamento e depuración de augas residuais urbanas; así como a asistencia aos concellos na elaboración dos permisos de vertedura aos sistemas públicos de saneamento. 

Na contratación destes servizos inclúese a realización das inspeccións e toma de mostras nas industrias e, no seu caso, o apoio á gardería fluvial nas súas tarefas. Ademais, prevé a asistencia aos concellos e a Augas de Galicia, tanto loxística como tecnicamente, na realización dos traballos de campo encamiñados á detección e seguimento dos vertidos industriais detectados e das medidas adoptadas polos titulares para a emenda do foco e o cumprimento do regulamento. 

Auditorías das redes de saneamento

Ao abeiro deste contrato realizaranse tamén as auditorías das redes de saneamento que solicite Augas de Galicia. Entre os factores que se avaliarán inclúese a análise da entrada de volumes elevados de infiltración de augas brancas e augas pluviais nas instalacións; as entradas de auga de mar na rede de saneamento; os vertidos industriais que incumpren o requirido pola lexislación vixente; ou outras situacións anómalas que condicionan os caudais e cargas recibidos nas plantas de tratamento de augas residuais.  

A este respecto, como mínimo, realizaranse auditorías no caso daqueles contratos de xestión de servizo público, concesión de obra pública ou servizo polos que Augas de Galicia asumiu o servizo de depuración de instalacións de titularidade municipal. Aquí inclúense as estación de tratamento de augas residuais de Nigrán, Tragove (Cambados), Meaño, Gondomar, Umia (Ribadumia), Tomiño e Vilaboa. 

O contrato tamén prevé a colaboración na elaboración do estudo e informe de inclusión das instalacións para as que se aprobe, segundo a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, a asunción da xestión dos servizos do ciclo da auga dos distintos concellos por parte de Augas de Galicia, sempre que o municipio solicite a dita encomenda de xestión da infraestrutura municipal da auga á Xunta.

 

Data de actualización: 19/02/2023