O presidente da Xunta reuniuse co representante diplomático da República de Armenia en España, Sos Avetisyan

Rueda traslada ao embaixador de Armenia o interese de Galicia por avanzar nas relacións institucionais e comerciais co país caucásico

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou ao embaixador da República de Armenia en España, Sos Avetisyan, o interese de Galicia por avanzar nas relacións institucionais e comerciais co país caucásico. O mandatario galego mantivo hoxe un encontro co diplomático armenio ao que tamén asistiu o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. 

O interese por intensificar as relacións comerciais con Armenia -país no que xa comercializan os seus produtos unha trintena de empresas galegas- encádrase nun contexto no que as exportacións están a acadar cifras históricas na nosa Comunidade. Os sectores primarios, o mercado vencellado á construción e os retos das enerxías renovables son campos prioritarios para Galicia tendo en conta a situación estratéxica de Armenia como ponte entre Europa e Asia. 

Armenia tamén está interesada en coñecer outros modelos de xestión en eidos como a sanidade ou a transición enerxética, de aí que no encontro se intercambiaran tamén experiencias no goberno destas e doutras cuestións fundamentais para os retos futuros de ámbalas dúas sociedades.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023