O presidente da Xunta interveu por videoconferencia na VI Edición Forbes Summit Reinventing Spain

O titular do Goberno galego pon en valor os proxectos que están chamados a transformar Galicia e que urxen da chegada dos fondos europeos para o seu desenvolvemento

Salienta que “a protección do medio ambiente é compatible coa actividade económica” e que Galicia está chamada a ser unha potencia nas enerxías renovables

Demanda ao Goberno central que destine a Galicia os fondos europeos que precisa e que atenda ás infraestruturas pendentes na mesma medida que está a facer noutras Comunidades autónomas

Subliña que a Administración autonómica camiña cara a plena dixitalización sen esquecer unha atención cada vez máis personalizada, porque “os administrados teñen que ser atendidos por persoas, non por máquinas”
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor os proxectos que están chamados a transformar Galicia e que urxen da chegada dos fondos europeos para o seu desenvolvemento. Así o defendeu nunha intervención por videoconferencia no marco da VI Edición Forbes Summit Reinventing Spain. 

O titular do Goberno galego foi entrevistado polo xornalista Juan Ramón Lucas no apartado do foro no que interviñeron tamén outros presidentes de Comunidades autónomas como Adrián Barbón (Asturias), Fernando López Miras (Murcia), Juan Manuel Moreno (Andalucía) ou Guillermo Fernández Vara (Extremadura).  

Alfonso Rueda manifestou que Galicia conta cunha enorme oportunidade no desenvolvemento das enerxías renovables, nas que está chamada a ser unha potencia de primeiro nivel, e defendeu que “a protección do medio ambiente é compatible coa actividade económica”. Incidiu, sobre todo, nas potencialidades da enerxía eólica porque, ao seu entender, “o noso petróleo é o vento”, pero tamén no hidróxeno verde e noutras fontes de enerxía sustentables. 

Nese contexto de cambios no modelo de produción, distribución e consumo da enerxía encadrou o presidente da Xunta os proxectos tractores nos que traballa Galicia da man da iniciativa privada e que están chamados “a cambiar a economía das zonas nas que se asentan”, subliñou Rueda. O mandatario galego fixo referencia á fábrica de fibras téxtiles que impulse a empresa Altri en Palas de Rei, á iniciativa de Reganosa e EDP Renovables para poñer en marcha unha das primeiras plantas de hidróxeno verde nas Pontes, á planta de biofertilizantes que impulsan Reganosa, Repsol e Naturgy en Meirama (Cerceda) ou ao proxecto de Resonac para elaborar ánodos de grafito destinados á mobilidade sostible.  

Con todo, o titular do Goberno galego recordou perante a audiencia do Forbes Summit Reinventig Spain que estas iniciativas empresariais estaban pendentes da chegada dos fondos Next Generation, que o Goberno central non só tiña paralizados, senón que ademais xestionaba dun xeito centralizado sen escoitar ás Comunidades autónomas. “Veñen moi condicionados e con requisitos que temos que aceptar”, denunciou. Asegurou que, no que respecta aos fondos que recibía Galicia directamente -Feder e FSE-, o grao de cumprimento era notable, pero que o que lle preocupaba eran os máis de 30.000 millóns dirixidos aos Perte e a proxectos industriais impulsados pola iniciativa privada. “Nin o 30% están mobilizados”, aseguro, o que pon en risco a súa viabilidade. 

Alfonso Rueda tamén demandou ao Goberno central que atenda as necesidades de Galicia na mesma medida que está a facer con outras Comunidades autónomas. Referiuse, en concreto, ás infraestruturas, e nese contexto encadrou a alianza concertada entre a Xunta de Galicia e os gobernos de Asturias e Castela e León para reclamar o corredor atlántico ferroviario. “Por riba de rivalidades políticas ou territoriais fomos quen de dicir que o noroeste peninsular non pode quedar illado”, recordou. 

Unha administración eficiente e próxima ao cidadán 

O presidente da Xunta fixo referencia tamén á modernización da administración galega, puntualizando que a práctica totalidade dos procedementos administrativos en Galicia poden realizarse xa por vía telemática. “É imparable, un cambio de mentalidade”, indicou Alfonso Rueda. Con todo, o presidente da Xunta indicou que esa revolución telemática non pode implicar dar as costas aos cidadáns: “Os administrados teñen que se atendidos por persoas, non por máquinas”, advertiu. De aí que nos servizos que dependen da Administración autonómica se eliminara a obrigatoriedade da cita previa.     

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023