A Xunta fixa os requisitos a cumprir polos concellos de menos de 15.000 habitantes para recibir os fondos adicionais de Cooperación local da Xunta

Rueda explica que esta partida adicional de 15,6 M€ vai dirixida a “necesidades directas” e “moi necesarias” dos municipios para obras de eficiencia enerxética, subministración de maquinaria e equipamento para a prestación de servizos municipais e actuacións de mellora das redes de abastecemento municipal

Os fondos adicionais rexistraron un incremento récord dun 135 por cento para sufragar os servizos de competencia local máis demandados pola cidadanía

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, adiantou hoxe os criterios e requisitos aprobados no Consello da Xunta que deberán cumprir os concellos de menos de 15.000 habitantes para recibir do Fondo de Cooperación Local da Xunta a denominada partida adicional, que é aquela dirixida especificamente a cubrir os servizos máis demandados pola veciñanza.

“Destínanse a necesidades directas e moi necesarias”, defendeu Rueda, quen aclarou que dos 143,4 millóns de euros que ten para este ano o Fondo de Cooperación Local da Xunta -e que supoñen un 14% máis que no 2022- resérvanse 30,5 millóns de euros á partida adicional, que tamén rexistrou un incremento histórico dun 135%. En concreto, deste fondo adicional, Rueda especificou que se destina un total de 15,6 millóns de euros aos municipios de menos de 15.000 habitantes, unha contía condicionada á que vaian dirixidos ao servizos máis demandados pola veciñanza.

De aí, que no Consello da Xunta se fixanse os criterios e requisitos para que estes concellos reciben parte dese fondo adicional e que, segundo adiantou o mandatario galego, repartiranse en tres liñas de actuacións prioritarias.

Fondos adicionais dirixidos a tres liñas de actuacións

Por unha parte, avanzou que se destinarán 8,6 M€ ás obras destinadas á mellora da eficiencia enerxética dos edificios de titularidade municipal cunha achega dun máximo de 200.000 euros por municipio. Priorizaranse os edificios destinados á prestación de servizos educativos e a actividades deportivas e, en segundo lugar, os empregados para a prestación de servizos sociais.

Rueda explicou que a segunda liña de axuda conta con 2 M€ para que os municipios galegos poidan optar a unha axuda de ata 30.000 euros para a adquisición de maquinaria e equipamento, incluíndo vehículos, para a prestación de servizos, unha liña na que a Administración autonómica inviste 2 M€.

Por último, dos 5 M€ que a Xunta prevé investir na terceira liña do fondo adicional do FCL, Rueda adiantou que irá destinada a actuacións de modernización e mellora das redes de abastecemento municipal, cada entidade local poderá percibir un máximo de 50.000 euros. Neste caso, ademais da necesidade específica da actuación como nas outras dúas liñas priorizaranse os investimentos incluídos no plan de actuación para minimizar as perdas de auga, outorgando unha maior valoración aos municipios que conten xa con este plan fronte aos que os estean tramitando e os que aínda que non teñan iniciada a tramitación se comprometan a facelo antes de que remate o prazo de xustificar o apoio recibido.

Chegar ao 90% dos concellos de Galicia

Con esta orde, o Goberno galego chegará ao 90 % dos municipios da comunidade co obxectivo de contribuír a fixar poboación nas zonas rurais e de menor poboación mediante a dotación de servizos públicos de calidade.

Ademais das tres liñas anteriores, o fondo adicional do FCL irá destinado este ano, segundo acordou a Subcomisión de Réxime Económico e Financeiro entre a Xunta e a Fegamp, aos servizos de emerxencia, á retirada de niños de vespa velutina ou á limpeza de faixas secundarias, entre outros conceptos.

Cómpre lembrar que un dos fitos fundamentais na relación coas entidades locais produciuse en 2011, cando se garantiu por lei a participación mínima dos concellos nos orzamentos da Xunta a través do Fondo de Cooperación Local. A través do FCL, a Xunta trata de compensar o desfase que ocasionan as particularidades dos municipios galegos como son a demografía ou a dispersión xeográfica. Por iso, o Goberno galego vén reclamando ao Executivo estatal a definición dun novo modelo de financiación autonómica que teña en conta as particularidades de cada territorio. 

 
     


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023