A Xunta remata a modernización da fábrica de xeo do porto de Cambados cun investimento de 600.000 € a prol da Confraría de Pescadores San Antonio
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, supervisaron esta mañá unha actuación orientada á mellora da eficiencia enerxética desta instalación de frío, a produción de xeo en escamas e a reconversión dos seus xeradores
A Consellería do Mar financiou catro actuacións por máis de 1 M€ no Salnés ao abeiro da orde para a mellora de equipamentos e infraestruturas portuarias, que tamén beneficiou á lonxa de Portonovo, á Confraría de Pescadores de Carril e á entidade San Martín do Grove
O departamento autonómico vén de pechar a convocatoria desta liña de axudas para este ano, que distribuirá 4,6 M€ en toda Galicia tras beneficiar a unha vintena de entidades por máis de 2 M€ no litoral da provincia de Pontevedra cos apoios de 2022
Cambados, 16 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, rematou as obras de modernización e mellora da eficiencia enerxética da fábrica de xeo do porto de Cambados cunha axuda de máis de 600.000 euros a prol a Confraría de Pescadores San Antonio ao abeiro da orde para a mellora de infraestruturas e equipamentos portuarios do pasado ano.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, supervisaron esta mañá o resultado desta actuación nunha visita na que estiveron acompañados polo patrón maior, José Manuel Vilas.
O proxecto, que acaba de quedar completamente rematado e xa está a pleno rendemento tras superar a acta de comprobación a finais de xaneiro, consistiu na adopción de melloras na instalación frigorífica, a sectorización acústica e a insonorización, así como a reconversión dos xeradores de xeo, o que permite a produción de xeo en escamas para a conservación de peixe e marisco e o incremento xeral do rendemento da produción nestas instalacións de frío.
“Estamos ante unha actuación importantísima para o sector do mar de Cambados, e ademais foi a de maior contía financiada pola Xunta o pasado ano, posto que era necesaria para seguir apoiando a unha vila eminentemente mariñeira, coa que nos sentimos moi comprometidos dende a Consellería do Mar”, destacou Luis López.
A Xunta de Galicia financiou cos fondos desta orde para melloras de equipamentos e infraestruturas portuarias, correspondentes ao pasado ano, máis dunha vintena de proxectos no litoral da provincia de Pontevedra por un importe de máis de 2 millóns de euros. No caso da bisbarra do Salnés, apoiáronse catro iniciativas por máis dun millón de euros, xa que, ademais desta obra en Cambados, tamén se sufragaron a mellora da cuberta da lonxa e a dotación de clasificadoras de control e pesada a prol da Confraría de Pescadores de Carril (187.000 euros), a instalación de placas fotovoltaicas e maquinaria de descarga na lonxa de Portonovo (101.000 euros) e a adquisición de maquinaria e mellora das instalacións frigoríficas do Grove coa entidade de pescadores San Martín (116.000 euros).
Incremento de fondos na nova convocatoria
A Consellería do Mar vai seguir impulsando a modernización das infraestruturas e equipamentos portuarios e pesqueiros durante o presente ano para facilitar o labor dos profesionais e seguir impulsando a competitividade do sector. Para elo, vén de pechar a convocatoria desta liña de axudas, á que destina 4,6 millóns de euros para Galicia tras incrementar a súa partida nun 7%.
Estes fondos oriéntanse á adopción de medidas de eficiencia enerxética, ambientais, de seguridade e condicións do traballo, para favorecer a descarga de peixe e marisco e para mellorar a trazabilidade, selección e etiquetaxe do produto. Os posibles beneficiarios son as confrarías de pescadores, agrupacións de interese económico para o sector pesqueiro, organizacións de produtores pesqueiros, cooperativas, asociacións profesionais de mariscadoras e redeiras, así como as administracións competentes en materia portuaria cando opten a desenvolver proxectos de pesca costeira artesanal.