Fernández-Tapias destaca a repoboación forestal dos montes de Vigo e as oportunidades laborais xeradas a través dos obradoiros de emprego

A delegada territorial da Xunta visitou en San Andrés de Comesaña aos participantes no II Obradoiro Forestal organizado pola Mancomunidade de Montes de Vigo

Vigo, 16 de febreiro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta semana en San Andrés de Comesaña aos participantes no II Obradoiro Forestal organizado pola Mancomunidade de Montes de Vigo co financiamento do Goberno galego. A representante autonómica destacou a dobre dimensión dos programas formativos activados pola Consellería de Emprego e Igualdade, e nomeadamente dos obradoiros duais, cun alto nivel de inserción laboral.

 

“Estas iniciativas supoñen experiencias formativas que teñen en conta a realidade social e económica de Galicia, adaptándose á demanda das empresas da contorna”, dixo Fernández-Tapias, ao tempo que salientou a simbiose entre formación e emprego como fórmula de éxito. “Conseguen unha pegada tanxible na propia contorna”, engadiu.

 

No obradoiro fórmanse 10 desempregados e desempregadas en tarefas de roza, repoboacións e infraestruturas forestais, tratamentos silvícolas e control de pragas e enfermidades. A achega da Xunta é de 251.993,50 euros e as actividades realízanse nos montes de Beade, Bembrive, Candeán, Comesaña, Coruxo, Matamá, Oia, Teis, Saiáns e Valadares.

 
Fernández-Tapias incidiu no obxectivo fixado de incrementar as oportunidades laborais dos galegos e mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man de expertos, ao tempo no que se desenvolven actuacións de mellora en espazos públicos e prestación de servizos de interese xeral e social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023