A Xunta destaca que a alianza industrial galega do hidróxeno verde dá un novo paso coa adhesión de Ence como empresa tractora

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de firma da compañía

Salienta que o obxectivo desta Alianza é establecer sinerxías e ser un polo de atracción de investimentos

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou esta mañá en Santiago de Compostela no acto de firma da adhesión de Ence á Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde e destacou que esta incorporación supón dar un novo paso para converter Galicia nun polo de atracción de investimentos.

 

A secretaria xeral lembrou que a Alianza conta xa coa participación de máis de 700 empresas, institucións e axentes sociais e incidiu na importancia da colaboración público-privada para facer de Galicia unha rexión de referencia internacional neste eido.

 

Así, a Comunidade conta coas condicións necesarias para conseguilo grazas á gran dispoñibilidade de recurso hídrico, un amplo ecosistema de innovación e investigación, un tecido empresarial diverso e con capacidade, alta produción de enerxía renovable e unha posición xeográfica destacada. Ademais, xa se están a promover proxectos concretos en toda a cadea de valor, desde a produción, ata a mobilidade, pasando por fabricación de compoñentes, consumo ou I+D+i.

 

Esta alianza pretende aproveitar os recursos e todo o coñecemento e capacidades que hai na Comunidade para a identificación de oportunidades, a posta en marcha de ferramentas de axilización administrativa, formación especializada ou a investigación. Será fundamental, ademais, contar coa infraestrutura necesaria para a execución do hidroduto Guitiriz (Lugo)- Zamora para conectar Galicia co resto de España e Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023