O presidente da Xunta reuniuse co presidente e co vicepresidente da Fundación Once, Miguel Carballeda e Alberto Durán, respectivamente

Rueda avanza co Grupo Social Once novas liñas de colaboración en beneficio das persoas con discapacidade

O titular do Goberno galego reiterou o compromiso cos colectivos máis vulnerables, o que se traduce nun incremento este ano dun 16% nos orzamentos autonómicos para facer de Galicia un lugar máis accesible, inclusivo e solidario

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou co Grupo Social Once novas liñas de colaboración en beneficio das persoas con discapacidade. Así llelo trasladou ao presidente e ao vicepresidente da Fundación Once, Miguel Carballeda e Alberto Durán, nun encontro que mantivo con eles no seu despacho en San Caetano.

 A Xunta de Galicia mantén co Grupo Social Once unha estreita colaboración que derivou en importantes liñas de colaboración a favor das persoas con discapacidade visual en particular, e das persoas con discapacidade galegas e coas súas familias, en xeral.
 
 No encontro informouse sobre o desenvolvemento dos distintos proxectos de colaboración nos eidos da formación, a inserción laboral, os servizos sociais e a accesibilidade. O titular do Goberno galego reiterou o compromiso cos colectivos máis vulnerables, o que se traduce nun incremento este ano dun 16% -destínanse 165 millóns de euros- nos orzamentos autonómicos para facer de Galicia un lugar máis accesible, inclusivo e solidario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2023