Fernández-Tapias destaca o acordo da Xunta e o Ifevi para a posta en marcha do módulo de atletismo tras un investimento de 8,8 M€ no novo pavillón 5

A delegada territorial da Xunta participou este mércores no comité executivo do Padroado do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi)

O convenio, que será sometido este xoves á autorización do Consello da Xunta, permitirá que a nova instalación acolla a máis de 1.000 atletas

A ampliación do Ifevi tivo unha inversión de 8,3 millóns, aos que hai que sumar máis de 500.000 euros para o equipamento e mantemento do módulo

"Cumprimos o noso compromiso e damos unha solución aos deportistas cunha pista cuberta que queda para sempre dentro do patrimonio do deporte de Vigo"
 

Vigo, 15 de febreiro de 2023.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou este mércores a aprobación do acordo entre o Goberno galego e o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para a posta en marcha do novo módulo cuberto de atletismo no Pavillón 5. O comité executivo do Padroado do Ifevi deu o visto e prace ao convenio de colaboración entre a Vicepresedencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Fundación Ifevi que será sometido mañá á aprobación do Consello da Xunta.

 

“O módulo de atletismo do Ifevi vén a paliar a situación de parálise que vive o atletismo vigués e que suporá unha solución para que os atletas vigueses poidan adestrar nunha pista cuberta con independencia da situación meteorolóxica e que quedará instalada para sempre dentro do patrimonio do deporte de Vigo”, sinalou a representante autonómica. Fernández-Tapias participou na xuntanza do comité exectuvito do Padroado do Ifevi xunto ao director xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Comercio e Consumo, Antonio Heredia.

 

A instalación do equipamento do módulo de atletismo está lista para a súa estrea despois dun investimento de 312.547,32 euros. A isto hai que engadir o convenio aprobado hoxe por importe de 200.000 euros para o uso e mantemento, ademais da inversión de 8,3 millóns feita pola Xunta para construír o novo Pavillón 5 no que xa está preparada a equipación deportiva.

 

Segunda ampliación do Ifevi

O módulo de atletismo chega ao Ifevi grazas a esta segunda ampliación, que se suma á realizada en 2018, cun custo de máis de 4 millóns de euros. En total, desde 2005 a Xunta investiu no Ifevi preto de 24 millóns de euros. A instalación do módulo de atletismo aporta agora un novo revulsivo ao recinto, xa que as instalacións deportivas teñen como obxectivo incrementar a potencialidade dos preto dun milleiro de atletas repartidos entre os 15 clubs da área metropolitana de Vigo.

 

Tras oito anos agardando que o Concello de Vigo arranxase os seus problemas urbanísticos para realizar a reforma das pistas de Balaídos, a Xunta anunciou que colaboraría na devandita remodelación cos 3 millóns de euros que reclamaba o concello, sen obter polo momento resposta algunha para iniciar as obras. O Goberno galego, polo tanto, espera as instrucións municipais para comezar a traballar canto antes en Balaídos ao tempo que pon á disposición dos atletas de Vigo unha nova instalación no Ifevi para cubrir as súas necesidades.

 

Un módulo completamente equipado

O pavimento do novo módulo deportivo ten unha superficie de máis de 2.100 m2 e as rúas de atletismo contan co pintado e sinalización da recta de 60 metros, dez tacos de saída e 50 valos con listón de madeira. Ademais, o salto de lonxitude e triplo salto conta con tres batidas de aceiro inoxidable, oito táboas de madeira, un xogo de referencias, dúas cintas para medir, un xogo de marcas de sinalización, un nivelador de area, un anciño de area, unha espátula e tres unidades de plastilina, así como o tapado do foso de preto de 40 m2.

 

Pola súa banda, o lanzamento de peso está composto por unha zona de lanzamento, enrolador de cinta, cinta para medir, e dous pesos de 2, 3, 4, 5, 6 e 7,26 quilos; o salto con pértega chega provisto do kit de caxetín para salto con pértega de aceiro inoxidable, saltómetro de pértega, elevador de listón, medidor, listón, zona de caída da pértega e funda protectora; o salto de altura consta dun saltómetro de altura, zona de caída de altura, funda protectora, medidor e tres listóns.

 

Por último, o contrato tamén se encarga de prover outros útiles como un marcador individual, catro pinchos de soporte de cinta, dous carros de transporte xeral, tres carros de valos e 18 bandeiras de xuíz árbitro. Respecto á electrónica deportiva e cronometraxe, o contrato tamén contempla a provisión dun marcador videofinish, un dispositivo para comunicación da cámara marcador final de meta, un posicionador remoto cámara e sistema sen fíos de videocronometraxe.

 
Data de actualización: 15/02/2023