A Rede Eusumo da Xunta apoia o segundo laboratorio de iniciativas sostibles de emprendemento que promove a Confederación Empresarial de Ourense

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou na presentación desta iniciativa que aspira a reunir, nunha única xornada, 100 ideas de negocio na provincia de Ourense

Destacou a capacidade transformadora das fórmulas da economía social e o seu compromiso coas persoas e co territorio

Ourense, 15 de febreiro de 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na presentación da edición 2023 do Laboratorio de iniciativas sostibles que a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) desenvolve por segundo ano consecutivo co apoio da Xunta de Galicia, a través da Rede Eusumo. A iniciativa persegue o reto de atopar 100 ideas para transformar a provincia ourensá polo que “pon en valor a capacidade que a economía social e, dentro dela, o cooperativismo, para un desenvolvemento sostible no territorio que parte do compromiso social, económico e co medio ambiente”, indicou Ardao.

Estamos a falar dun emprendemento colectivo, que prima o interese xeral”, destacou a directora xeral na presentación do laboratorio do que destacou o seu carácter participativo e aberto. De feito, a iniciativa que promove a CEO co apoio autonómico, marcouse este ano o reto de recompilar en só un día, a xornada de hoxe, máis de 100 ideas de futuro para a provincia de Ourense.

Ardao puxo en valor o desafío co que a entidade empresarial está a fomentar de forma inclusiva e interxeracional unha cultura de emprendemento baseada no desenvolvemento sostible e pegada ao territorio. Unha das chaves, indicou, radica no acompañamento posterior que se fai a todas estas ideas de negocio que contarán con asistencia técnica e asesoramento especializado.

O laboratorio está aberto á participación de centros educativos, organizacións profesionais e outros colectivos dispostos a desenvolver a súa capacidade emprendedora para dar resposta ás necesidades da provincia de Ourense. Todo iso, subliñou Ardao, aderezado con compromisos polo medio ambiente e de índole social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2023