A Xunta dota de material deportivo a 41 entidades da área de Ferrol cunha achega de 228.400 €

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, entregou hoxe o equipamento concedido aos 16 clubs, sociedades anónimas e seccións deportivas da cidade de Ferrol na segunda convocatoria da liña de axudas para esta finalidade, que supuxo un investimento de máis de 93.600 euros

No conxunto de Galicia, estas entregas forman parte dos 4 M€ investidos en 714 clubs e federacións na segunda convocatoria desta orde de subvencións, dos que 1,3 M€ corresponden a 279 da provincia da Coruña

O investimento total da Xunta o ano pasado en equipamento para o tecido deportivo suma unha dotación récord de 4,6 M€ en dúas convocatorias destas axudas

O Goberno galego leva investidos nestas axudas máis de 10,3 M€ desde 2009 en apoio á compra de material de máis de 1.700 federacións e clubs deportivos

Ferrol, 15 de febreiro de 2023 A Xunta investiu o ano pasado na área de Ferrol 228.400 euros en 41 entidades da área ferrolá. En concreto, dos concellos de Ares, Ferrol, Mugardos, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño. De feito, o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo hoxe entrega do material deportivo concedido a 16 clubs, sociedades e seccións deportivas da cidade de Ferrol, aos que a Xunta apoiou na adquisición de equipamento con 93.600 euros. Ao acto tamén acudiu a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Na provincia da Coruña o investimento acada de 1,6 M€ en equipamento deportivo a 279 entidades. A maior parte da contía -1,3 M€- corresponde ao material cedido a 235 clubs, sociedades e seccións deportivas da provincia, xunto co apoio a 5 federacións, 4 delas na cidade coruñesa e outra na de Santiago de Compostela.

Estas achegas forman parte da segunda convocatoria de subvencións para a adquisición de equipamento deportivo. En toda Galicia, trátase de 714 entidades deportivas -18 federacións e 696 clubs ou seccións deportivas- que percibiron máis de 4 M€. Súmanse ás 97 xa beneficiarias da primeira convocatoria destas subvencións por un importe de 700.000 euros, dos que 490.000 euros corresponden aos clubs, sociedades e seccións deportivas e os 210.000 restantes ás federacións. Polo tanto, entre ambas ordes, o investimento histórico de 4,6 M€ o ano pasado permitiu dotar do material necesario para garantir a actividade e o funcionamento de máis de 800 entidades deportivas.

Na cidade de Ferrol foron beneficiarios da segunda convocatoria desta orde de axudas 16 entidades de distintas disciplinas deportivas. Hai representación do baloncesto -Basketmi Ferrol Club e Club Universitario Ferrol-; fútbol-Racing Club de Ferrol e Galicia de Caranza-; karate -Bunkai e Renbu-kan-; natación -Club Marina Ferrol e Club Natación Ferrol-; ou xadrez -Círculo Ferrolano de Xadrez e Escola Ferrolá de Xadrez. Tamén foron beneficiarios o Club BTT Esmelle, a Asociación Deportiva Grappling Sport Fight Ferrol, o Club Rugby Ferrol, a escola de surf Beach Club Surf & Coffee, o Casino Ferrolano-Tenis Club e o Círculo Mercantil e Industrial Club de Campo.

Diego Calvo puxo en valor que a Xunta apoia o tecido deportivo da cidade ferrolá coa entrega de equipamento destes clubs, sociedades e federacións. Inclúese tanto material específico para levar a cabo cada disciplina -porterías de fútbol portátiles, cadeiras de rodas, vallas, tapices, taboleiros de xadrez...-; ademais doutro material básico como furgonetas ou material de ximnasio; e  material sanitario como desfibriladores.

Os 16 clubs da cidade ferrolá forman parte das 714 entidades beneficiarias na segunda convocatoria das axudas de equipamento deportivo publicada o ano pasado por case 4 M€.

Por provincias, 235 entidades beneficiarias desta segunda convocatoria corresponden á da Coruña con 1,3 M€ investidos na compra de equipamento, 94 na de Lugo por 516.600 euros, 55 na de Ourense por 295.200 euros e 312 na de Pontevedra por máis de 1,6 M€.

O vicepresidente segundo da Xunta lembrou que o Goberno galego leva investidos desde 2009 un total de 10,3 M€ a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, resultando beneficiarias máis de 1.700 entidades.

Neste 2023, o orzamento da Vicepresidencia segunda reserva 44 M€ ao ámbito deportivo, o que supón unha cifra récord. Unha parte importante destinarase á creación ou mellora de infraestruturas deportivas cunha dotación de 18 M€.

Tamén se manterá o apoio ao tecido deportivo cunha achega de 7 M€. Por unha parte, mantense o orzamento de 2 M€ á orde de axudas ao funcionamento de clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo que xa está publicada. Por outra banda, resérvanse 5 M€ á sinatura de convenios con 59 federacións deportivas da comunidade para contribuír ao seu funcionamento.

Nesta liña, Diego Calvo anunciou que xa está en marcha a actual tempada do programa Xogade e está pendente de aprobarse a nova edición Plan Corresponsables, dúas iniciativas que superaron todas as expectativas o ano pasado achegándose ás cifras prepandemia. Así, a Xunta continúa co seu traballo de fomentar a práctica deportiva e inculcar os valores do deporte desde as idades máis temperás.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2023