A Xunta concede case 1,5 M€ a máis de 40 empresas no marco das subvencións para investimentos en ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, coas solicitudes concedidas ao abeiro da convocatoria de 2022

As actividades subvencionables procuran o fomento da modernización e da dixitalización do sector forestal-madeira e impulsar o ecodeseño e a economía circular

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se fan públicas as solicitudes concedidas no marco das subvencións para investimentos en ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira do ano 2022. Deste xeito, os beneficiarios son oito empresas na liña dedicada á ecoinnovación e 33 na específica para a dixitalización, cun investimento de máis de preto de 1,5 millóns de euros.

As actividades subvencionables divídense en dous grandes bloques. A liña 1 de Ecoinnovación está dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida. Tamén busca impulsar aqueles proxectos ou solucións de economía circular, encamiñados a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais. Por último, tamén busca introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.

A liña 2 de Dixitalización está dirixida a apoiar proxectos dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto (por exemplo, interacción con administración pública ou proceso de fabricación) ou de xestión integral, especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade ata implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos. Por exemplo, sistemas de captura de datos, automatización, supervisión remota, sensórica e/ou mantemento preventivo ou o desenvolvemento ou adaptación de interfaces dixitais para as interaccións comerciais cos clientes ou provedores da industria forestal-madeira.

A Axenda de impulso da industria forestal-madeira

As axudas enmárcanse nesta folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais. Para acadar estes obxectivos, definíronse catro eixes fundamentais, relativos á mellora do capital humano a través da formación, ao impulso da innovación, á cooperación e valorización e á competitividade, desenvolvemento e diversificación do sector.

A través destes eixes e dun orzamento de 55,5 millóns de euros, a Axenda prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural.

Data de actualización: 15/02/2023